PolíticaÚltima hora

O BNG do Barco pedirá nunha moción a retransmisión en directo dos plenos

Defendérana na vindeira sesión plenaria da Corporación barquense, prevista para o 6 de maio

Manuel Agra, voceiro municipal do BNG no Barco durante unha sesión plenaria./ Foto: A.R.

 

No vindeiro pleno ordinario do Concello do Barco, previsto para o xoves 6 de xuño, o grupo municipal do BNG defenderá unha moción para pedir que se faga unha retransmisión en directo das sesións plenarias desta Corporación local. “Unha das bases da acción política debe ser a transparencia e o acceso á infomación por parte de toda a cidadanía. Así reflicte o Regulamento Orgánico do Concello do Barco, publicado no Boletín Oficial da Provincia o luns 28 de decembro de 2015. Fálase dunha “ordenanza reguladora de transparencia, acceso á información pública”. Na exposición de motivos -páxina 7-, dise que “a transparencia, o acceso á información e as normas de bo goberno deben ser os eixes fundamentais da acción política, posibilitando así o maior control da actividade política por parte dos cidadáns e a súa consecuencia práctica: a participación como principio fundamental da administración moderna”, tal e como recollen os edís nacionalistas na súa moción.

Ademais lembran que nesa transparencia insístese no texto da Axenda Urbana do Barco que “aprobamos no pleno de maio de 2024. No obxectivo estratéxico número 10 (Mellorar os instrumentos de intervención e a gobernanza), fálase -na páxina173- dun obxectivo específico secundario de “asegurar a participación cidadá, a transparencia e favorecer a gobernanza multinivel”. No ano 2015 o Tribunal Supremo afirmaba que nos plenos se tratan asuntos de interese xeral que afectan á veciñanza, polo tanto gravar e difundir estas sesións axuda á creación dunha opinión libre”, continúa o texto da moción.

Deste xeito o BNG apunta que “a transmisión dos plenos en directo é, pois, un instrumento de transparencia e difusión do debate político local. Unha maneira de que moita máis xente se achegue á xestión municipal e ás decisións que se toman nas sesións plenarias que lle afectan directamente á veciñanza” e asegura que son “moitos os concellos galegos -por citar un non galego, o de Torrelodones leva retransmitido os plenos desde xuño de 2011- que xa retransmiten os plenos en directo: ademais dos das sete cidades galegas, os de vilas como Xinzo, Ribadavia, Cambados, Lalín, Mos, Vilagarcía, Sada, Bergondo, Melide, A Proba, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Monforte,…”.

Outro aspecto que recollen no texto da súa moción os concelleiros do BNG é que achegar “os plenos aos cidadáns e cidadás sería unha boa maneira de achegar á xente a actividade do concello. Por todo o anterior” e, nese senso, pedirán que se aprobe o seguinte acordo: “que o Concello do Barco retransmirá -canto antes- en directo e en diferido os plenos do Concello”.

Back to top button