As bicicletas de montaña contan con gran protagonismo na programación de verán da Estación de Montaña Manzaneda. Despois da apertura do Bike Park, cunha decena de percorridos de diferente nivel, esta fin de semana as instalacións serán o escenario de dúas competicións de emocións fortes para os afeccionados aos descensos sobre dúas rodas: a MINI DH Estación Manzaneda Bike Park (29 de xuño) e o Descenso Estación Manzaneda Bike Park (30 de xuño).
O descenso conta con varias categorías. Masculino: Elite, Sub23, Júnior, Cadete, Infantil, Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60; Feminino: Elite, Sub23, Júnior, Cadete, Infantil, Máster 30, Máster 40 e Máster 50; e Masculino e Feminino: Enduro (sen distinción de categoría de licenza). Os adestramentos desenvolveranse durante a xornada do sábado no circuíto Rochas e o domingo a manga clasificatoria arrincará ás 13 horas e a final ás 14:30 horas.
En canto á competición MINI DH Estación Manzaneda Bike Park (29 de xuño), comezará ás 15 horas e a cronometraxe farase mediante chip. Os bikers máis novos lanzaranse no circuíto Avalancha.




