O restaurante Ruxe-Ruxe de Quiroga convida a unha sesión nocturna de maxia para adultos este sábado 29 de xuño. O espectáculo, a cargo do Mago Deimi que chega da man de Hermanager Producións comezará ás 23 horas sobre o escenario e xa a partir das 24 horas pasará ao formato de ‘maxia de cerca’ para sorprender dende a distancia curta ao público presente.
Natural de Ribadavia (Ourense) o Mago Deimi tivo a afección da maxia dende cativo, unha paixón que lle está acompañando toda a vida e así se pode comprobar en calquera dos seus espectáculos. “Formación adquirida con grandes mestres e tamén de forma autodidacta para ir, co paso dos anos, adquirindo unha personalidade propia e deixando unha impronta característica nos seus espectáculos”, explican dende Hermanager Producións.
Cos anos ademais de mellorar a técnica este mago adquiriu unha empatía e unha forma de facer chegar a maxia moi humorística. “Tal é así que de actuacións privadas ou eventos, pasando por actuacións en Salas e Teatros está metendo a cabeza xa no terreo audiovisual”.




