O Camiño de Inverno era o elixido este ano para a presentación da campaña “Non Camiñas Soa: Camiño de Santiago libre de violencias machistas”. E máis concretamente un punto no tramo ao seu paso pola comarca de Valdeorras.
Na mañá deste venres 12 de xullo o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentaba esta iniciativa dirixida a reforzar a protección das mulleres que realizan a Ruta Xacobea, no paseo fluvial do Bañadoiro, en Vilamartín de Valdeorras, acompañado polo alcalde do municipio, Enrique Álvarez; polo comandante da Garda Civil, José Benito Fernández Santamarina; pola presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno, Asunción Arias ; e pola xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias.
Deseñada polas Unidades de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller das Delegacións do Goberno en Galicia, Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León e Estremadura (comunidades polas que transcorren algúns dos Camiños), esta campaña ofrece ás mulleres peregrinas toda a información de emerxencias e dos recursos das Forzas e Corpos de Seguridade aos que poden acudir nos diferentes roteiros que percorren Galicia ata chegar a Santiago. Información que está accesible en albergues, oficinas de turismo, dependencias da Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local, centros de saúde, farmacias e hospitais públicos.
Tal como explicou o subdelegado do Goberno, “Non Camiñas Soa” componse de carteis e tarxetas que informan do teléfono de atención a todas as formas de violencia contra as mulleres (016), Emerxencias (112), Forzas e Corpos de Seguridade do Estado: Garda Civil (062) e Policía Nacional (091), así como da difusión da aplicación móbil Alertcops, que “permite a posibilidade de fixar localizacións e activar alertas en caso de emerxencia”.
Ademais, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado levan a cabo anualmente un plan específico de seguridade para garantir a protección das persoas que realizan o Camiño de Santiago. Como consecuencia, este programa complementa o Plan de Seguridade Xacobeo e a campaña de comunicación da Garda Civil “Gardas do Camiño”, que consiste na distribución de carteis con consellos de seguridade en varios idiomas en distintos puntos do Camiño de Santiago e na aplicación AlertCops.
A todo isto, engádese a patrulla de Seguridade Cidadá da Garda Civil a cabalo, o autobús de denuncias móbiles (atencion ao peregrino dotado de todos os medios técnicos no que tamén se pode selar a compostela) e medios aéreos (como helicópteros e drons) de vixilancia dos distintos percorridos, medios presentes na presentación realizada esta mañá e que resultaron todo un atractivo para os asistentes.
Tal como explicou o comandante, contan cun total de 324 quilómetros da ruta xacobea dentro da provincia, dos cales case o 98% son competencia da Garda Civil, de aí o depregue de medios. Asegurou que “non temos detectado unha problemática concreta de delincuencia fronte á muller no camiño pero elaboramos unha estratexia para conseguir un camiño seguro, non só para o peregrino senón tamén para protexer o camiño e o entorno, así como lograr un camiño accesible”.
230.000 mulleres fixeron o Camiño no 2023
Durante a presentación o subdelegado do Goberno lembrou que “as mulleres están a ser as protagonistas destas sendas de peregrinación e ano tras ano a súa presenza vai a máis. Representan xa o 53% das persoas que fan o Camiño, máis de 230.000 fixérono no último ano, e non dubidan en realizalo en moitas ocasións sen compañía”. Así mesmo, sinalou que “este é un Goberno igualitario e feminista, comprometido coa promoción dos dereitos da muller e a salvagarda da súa seguridade”. Así o demostran os máis de 82 millóns de euros investidos en Galicia desde o 2018 en accións de prevención e loita contra a violencia machista. Deles, máis de 73 millóns foron transferidos á Xunta para financiar as súas accións nesta materia.
Fotos e vídeos: O SIL.





