CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Ariana López: “Traballar no SilFest faime valorar moito máis O Barco”

É a responsable da hospitalidade e da produción artística do festival que este ano chega á 8ª edición

Un concerto dende o escenario./ Foto: aigiboga.com.

 

“Ola, son Ari. Hoxe ides ser os meus mellores amigos e así o ides sentir porque quero que teñades unha boa experiencia, que non sexa somentes traballar”. Con esta frase, clara e directa, se presenta Ariana López aos artistas cando chegan ao SilFest Valdeorras, un evento que pode pode presumir, entre outras cousas, do mimo e cariño co que trata ao público e tamén aos participantes (tanto ao equipo técnico como aos artistas).

Sempre que xorde algún problema ou se necesita, todo o equipo que forma parte do SilFest está para axudar pero Ariana céntrase especialmente no apartado de hospitalidade e produción artística. “Durante o evento, dende que o artista e incluso manager chega, adícome a eles plenamente, ás súas necesidades e todo o que ten que ver con eles. Dende a coordinación co aloxamento, o catering, a seguridade, o equipo de escenario,… e sobre todo facer que se sintan a gusto, porque ao final son persoas que pasan moitas horas na estrada, dun lugar para outro, e intento facerlles sentir que están como en casa”, explica Ari que forma parte do equipo dende o 2019.

 

Ariana López, responsable de hospitalidade e produción artística.

 

Ariana nacía en Venezuela e hoxe por cuestións laborais vive en Madrid, pero o seu pai é do Barco onde ela tamén viviu dende os 8 anos e vén a menudo. De feito asegura que colle as vacacións para poder estar no SilFest do que forma parte despois de ter feito un máster en Eventos. “Formeime para ser profesora pero dinme conta de que non me quería adicar a iso nese momento e pensando no que me gusta facer, ir a festivais, a concertos e pasalo ben nese aspecto, busquei se había algo relacionado e atopei o máster, fíxeno e Jorge contactou comigo dado que teño viaxado por España xestionando eventos e teño asistido a festivais, preguntoume se quería formar parte e eu encantada”.

Dende entón esta xove valdeorresa é unha das claves para que o SilFest manteña un dos seus sinais de identidade, a cercanía e a hospitalidade. Algo que detacan tanto por parte do público como da xente coa que traballan “que se sinten como en casa, algo que eu tamén potencio moito porque teño coñecido a moitos artistas e ao final están cansado de tanto viaxar. Eu estou con eles, coméntolles como é a nosa zona, o tema da gastronomía, do viño, do licor café,… e marchan encantados e agradecidos e nótase esa parte de cercanía, algo moi gratificante. Algúns veñen sos (os djs e algunha banda solista, así como o manager ou parte da banda que chega antes) e eu séntome con eles, fálolles, escoitoos, porque moitas veces durante o verán só se relacionan co círculo dos festivais e concertos e está ben coñecer a súa historia”, explica Ari, asegurando que lle gusta moito o seu traballo e desfruta, algo que consegue transmitir. “Está claro que ten que gustarche moito o contacto coas persoas. Eu estou moi contenta tanto co equipo como cos artistas, nunca tiven ningún problema, e incluso grupos que repetiron lembrábanse de min e aínda foi mellor a segunda vez porque xa sabían como son e que me poden pedir calquera cousa e estar a gusto”.

 

Tempo de relax á beira do Sil. /Foto: aigiboga.com.

 

A relación de Ari cos artistas comeza xa fóra do recinto. Tal como ela mesma explica, normalmente contactan un pouco antes de chegar e “ás veces pérdense porque as comunicacións non axudan moito”, recoñece. Despois preséntase e acredítaos para que poidan acceder á parte do backstage, refrescándolles a información que necesitan (hora de actuación, aloxamento, hora do catering,…) e sobre todo que se teñen algún problema llo comuniquen en calquera momento. Despois proceden a descargar (con axuda) o material que traen a unha parte do recinto onde se instalen. “Déixolles un tempo para aclimatarse e dependendo do tempo do que dispoñan, van ao hotel para facer o check in ou quedan no recinto desfrutando do entorno, moitos métense no río. Esta xente non ten moito tempo para desfrutar do verán que é cando máis traballo teñen polo que mentres non teñan que facer a proba de son déixolle tempo libre e se queren visitar algo ou tomar algo, dependendo dos horarios e xa unha vez que se acerca o momento de actuar, de nervios, doulles tranquilidade, unha copiña de godello,… para que a estancia sexa máis amena ata que suban ao escenario e en canto saen xa son os protagonistas e ao baixar son outras persoas, comen, reláxanse e coñécense entre eles, fan de piña. É moi bonito ver como interactúan e eu sempre estou entre eles atenta ao que poidan necesitar”.

Está claro que Ari desfruta co traballo no SilFest que incluso lle fixo mudar a percepción que tiña do Barco, o pobo onde se criou. “Estando no festival é cando realmente valoras o que tes. Ver a persoas que non son do Barco dicir tantas cousas bonitas do meu pobo enorgulléceme e é unha honra que conten comigo no festival. É unha sensación moi bonita que teño cando remata, que debemos valorar tanto ao noso pobo como ás opcións de cultura que se están ofrecendo”, conclúe.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button