CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Patricia Hermida: “No SilFest o continente é o verdadeiro protagonista e quen marca un pouco a directriz”

A xefa do escenario principal do festival asegura que o entorno no que se desenvolve "é marabilloso" e esta edición vai ser moi variada en canto a estilos musicais

Patricia Hermida no escenario principal do SilFest Valdeoorras. /Foto: Aigiboga.

 

A figura do stage manager é clave no desenvolvemento dun festival. É a persoa que se encarga de que se cumpran os horarios e que os cambios entre os grupos vaian tan pensados que non haxa ningún tipo de retraso nin inconvinte para que o seguinte grupo poida desenvolver a súa actuación. “É dificil porque poden xurdir corenta mil problemas polo camiño que se van resolvendo a base de recursos, dun estudo previo moi pormenorizado de como facer eses movementos (agora entra esta tarima, agora sae esta batería, estes monitores móvense cara un lado, estes cara outro…) é como un coreógrafo, quen pon todos os movementos enriba da mesa para que os bailaríns amosen a súa arte”. Quen fala é Patricia Hermida, a stage manager SilFest Valdeorras, vinculada ao festival dende hai tres anos.

É das poucas persoas do equipo que non é do Barco e asegura que para ela “é un privilexio poder formar parte del precisamente por iso, porque veño da outra punta de Galicia (Cambados)” e por decisión propia. Patricia ten unha longa traxectoria profesional no mundo da música e dos festivais e coñecía o SilFest como manager de Agoraphobia, un grupo que xa actuou dúas veces e “quedei namorada do festival, do entorno, do coidado, do mimo…” ao que se sumou o contacto persoal que tiña con Jorge pola súa vinculación coa Sala Baranda.  “Chamoume para dar un paso máis profesional ao festival porque a miña figura non existía. Viñen a implementar outra metodoloxía de traballo e cando mo propuxeron non puden dicir que non”.

 

Distribuíndo espazos no escenario./ Foto: Aigiboga.

 

Dende entón é a xefa do escenario principal do SilFest, segundo os seus propios compañeiros, o posto máis difícil. “Entendo que a ollos do resto pode ser o máis complexo porque ao final ti eres a ponte entre o festival e os grupos e tes que atendelos cos recursos e medios que tes. Uns medios que están moi ben, non é que teñamos malos equipos senón todo o contrario, pero cada grupo chega digamos que coa súa carte ao Reis Magos pedindo o que queren e eu teño que combinar as cartas de todos os grupos e facer unha única, o que resulta moi complicado. Eles veñen cos seus desexos e ti tes que explicar o que tes e podes ofrecerlles. Trátase de atopar o punto de equilibrio, que os grupos estén cómodos e teñan todo o que necesiten para as súas actuacións e, ao mesmo tempo, que o SilFest non perda a súa esencia nin se nos vaia das mans, porque é un mundo no que hoxe hai unha competitividade enorme entre os grupos por intentar destacar con medios técnicos, pantallas, telóns, efectos especiais,…” algo que no SilFest non ten cabida porque “aquí o verdadeiro protagonista é o continente, non como é habitual que teña máis peso o contido, aquí o continente marca un pouco a directriz”.

A esa respecto o SilFest ten os seus inconvintes. “O entorno é marabilloso e hai que respectalo como é pero a nivel técnico, por exemplo, un problema é que non cabe calquera camión por debaixo da ponte de acceso e iso pode condicionar totalmente unha montaxe”, di Patricia, recoñecendo que polo demais e quitando as altas temperaturas que adoitan sufrir “hai tan bo ambiente que os grupos alucinan”. Está acostumada a traballar en terruños ou asfalto e “cando os músicos chegan ao Barco e ven o entorno tan bonito e poden mollar os pes no río quedan encantados”.

 

Patricia Hermida amosando o backstage aos nenos do Mini SilFest./ Foto: Aigiboga.

 

E xa a nivel programación, Hermida pensa que esta é unha edición moi variada en canto a estilos musicais que pode cubrir a intencionalidade do SilFest en canto a programación de ofrecer opcións para todos os gustos e que non esté tan limitado como podía estar antes, dirixido cara un único xénero. “Creo que hai moita diversidade e tamén maior complexidade técnica porque veñen bandas cun carácter moi marcado con determinadas cousas que hai que representar, pero é coma sempre un reto que hai que intentar abordar dende un punto de vista ambicioso no bo sentido, de crecer un pouco máis”, di, asegurando que a ela persoalmente o cartel deste ano gústalle moito. “Teño moitas ganas de ver a Sôber porque creo que é unha das bandas de rock heavy máis importantes do país. Custounos un pouco decidirnos se traelo ou non porque se descolgaba un pouco do cartel, pero non creo que deixe indiferente a ninguén que ao final é o que vendes nun festival. Penso que vai ser unha edición moi variada e rica en propostas artísticas”, conclúe.

Artigos relacionados

Back to top button