ConcellosÚltima horaVilamartín

María Carmen González: “O meu único interese é que os veciños de San Vicente teñan un acceso digno”

A deputada delegada especial para Valdeorras asegura que xa deron cunha solución e en canto os técnicos lle pasen o documento final daráo a coñecer

 

Na mañá do mércores 24 de xullo un grupo de veciños de San Vicente, no concello de Vilamartín de Valdeorras, reuníanse para “informar aos camioneiros de CUPA que empezarán a facer cortes na estrada 0807 á altura do km. 8 aproximadamente, coa intención de que a pizarreria se una ás súas reinvicacións de facer un paso de urxencia ao pueblo e que colaboren con eles de cara a Deputación para que dunha vez se teña en conta a sua situación”, tal como eles mesmos explicaban. Un feito ante o cal, por alusións, contestaba a deputada delegada especial para Valdeorras, María Carmen González.

 

 

En rolda de prensa, a deputada lembraba que esa estrada leva con problemas uns 30 anos aproximadamente, afirmando que “ninguén ten traballado tanto como o grupo de Goberno da Deputación dende que tomou posesión hai menos dun ano. De feito en setembro do ano pasado xa tiven a primeira reunión cos veciños, porque me impuxen como reto tratar de solucionar un problema endémico na zona”.

Tal como a propia delegada explica, entre os puntos que ela defende destaca o feito de que “os veciños de San Vicente teñen dereito a un acceso digo, polo que era importante reunirme con eles e dicirlles a verdade, que é imposible gastar 13 millóns de euros para recuperar a vella estrada, así como escoitalos e como coñecedores do terreo que nos dixeran as posibilidades que eles visen, estudando tecnicamente a posibilidade dun trazado diferente ao que xa non existe”, algo do que os veciños son conscientes porque ela mesma llo transmitiu.

 

 

Con respecto a ese trazado, González Quintela adianta que non acababa de convencela e está “case perfilada outra solución que pode mellorar sensiblemente a que no seu día lle propuxen aos veciños e que xurdía precisamente dunha das veciñas que sinalaba unha liña que había que estudar”. Fíxose e en canto os técnicos lle presenten o documento definitivo daráo a coñecer. “Creo que se todos poñemos boa vontade, se somos razoables e non nos deixamos levar por intereses axenos á solución da estrada, creo que poderemos dar coa resposta”, dixo.

A deputada deixou claro, ante algún comentario que escoitou, que “o meu único interese é conseguir un acceso digno e dende o primeiro día funlles absolutamente clara no feito de que non ía defender a opción de gastar 13 millóns de euros, primeiro porque é imposible e segundo porque sería inxusto con moitos núcleos que tampouco teñen un acceso digno”.

 

 

Tampouco se trata só “dunha vontade política senón dunha normativa que todos temos que cumprir”, dixo María Carmen, lembrando a existencia dun río. “Imos pois ir por unha solución que asegure un acceso digno como o que pode ter calquera outro núcleo de montaña, que non custe unha cantidade inasumible, contando con que todas as Administracións poñan vontade para que se poida facer”, dixo, asegurando que ela si cre que se pode, malia a dificultade orográfica.

Fotos e vídeos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button