
Como unha das citas destacadas no verán de Viana do Bolo se presenta o desfile que o estilista e modisto vianés Jorge De Álvarez, ten programado para o 17 de agosto coma sempre na rúa Toural a partir das 19:30 horas.
Tal como explica o propio Jorge, é moito o traballo que dá organizar este tipo de eventos e estivo a punto de non facelo, pero como o ano pasado xa non o fixo finalmente decidía levalo a cabo coa idea de que sirva como celebración do X aniversario da súa perruquería Jorge Álvarez Estilistas, en Viana, aínda que adianta que será máis sinxelo que noutras ocasións, “sen espectáculo polo medio, unicamente desfile, destacando o apartado de perruquería porque a miña incursión na moda comezou máis ou menos ao mesmo tempo”. Será pois como unha homenaxe ás súas dúas grandes paixóns: a beleza e a moda.
Presentado novamente pola verinesa Esther Estévez, terá varios pases, entre eles os de Pizpireta do Barco e Joyería Pato de Verín, convidados da gala; e despois un pase de peiteados de voda, outro con dous modelos de cada unha das oito coleccións que leva feito ao longo destes dez anos e por últmo a nova que está ultimando. “Teño pezas do ano pasado que quixen ampliar e niso estou, acabando de coser”, di Jorge, adiantando que por unha tempada deixará de organizar desfiles.




