EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Récord de vendas de viño na D.O. Valdeorras que supera, por primeira vez, os 5 millóns de litros nun ano

Así o asegura o seu consello regulador, que destaca ademais que os viños de godello afianzan o seu liderado con máis de 3.600.000 litros cualificado

 

Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Denominación de Orixe Valdeorras volve bater récords de volumen de viño vendido na campaña 2023/2024, o periodo comprendido entre os meses de agosto de ambos anos, segundo vén de informar o seu consello regulador.

“A cifra deste exercicio acadou os 5.010.952 de litros de viño cualificado, un dato practicamente igual á cantidade comercializada. Tras o éxito acadado na pasada campaña, a 2022/2023, na que xa se obtiveron cifras históricas que chegaron aos 4,8 millóns de litros de viño, o listón volve a subirse de novo ao superar, por primeira vez, os cinco millóns de litros”, tal e como asegura José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Tamén destaca que, “tras o éxito do ano pasado, era moi difícil encadear dous anos de máximos históricos como os que se teñen sucedido”. Explica ademais que “o récord acadouse en viños de máxima calidade, como o amosan os premios e puntuacións obtidas nos concursos e guías máis prestixiosas a nivel nacional e internacional”, e que os datos “veñen a falar do bo estado da marca D.O. Valdeorras”.

O presidente da D.O. Valdeorras tamén alude aos datos de vendas por variedades, destacando por riba das demais, aos viños da variedade godello. “Os números dannos a razón sobre o que levamos anos dicindo, a uva godello ten unha calidade excepcional, non é so unha moda pasaxeira, senón que xa se atopa no podio dos grandes viños a nivel mundial”, apunta Rodríguez Castellanos.

Neste exercicio, as vendas de godello volven incrementarse situándose en 3.643.840 de litros. En canto ás variedades tintas, as vendas superaron neste exercicio o millón de litros, chegando a 1.053.523. De entre elas, os viños máis vendidos son os de Mencía con 738.440 litros, citando os datos feitos públicos polo CRDO Valdeorras.

Back to top button