Neste mércores 21 de agosto a Denominación de Orixe Valdeorras dá por iniciada a campaña de vendima 2024, “data que celebra o 50º Aniversario do inicio do Plan Revival (Reestruturación de Viñedos de Valdeorras), que marcou un antes e un despois na forma de facer viño na comarca”, segundo destaca o seu consello regulador.
Para José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente da D.O. Valdeorras, “foi algo extraordinario para a nosa zona, foi o plan que cambiou a nosa viticultura e que, entre outras moitas cousas, recuperou a Godello para Valdeorras e para o mundo”.
Durante cinco décadas, conseguiu a revitalización dos viñedos, rescatando as variedades autóctonas que, hoxe en día, se converteron en emblemas da rexión. Exemplos delo son a Mencía ou a Godello, desta última, o rescate foi da súa práctica extinción.
Vendima 2024
A data de hoxe, 21 de agosto de 2024, converteu á D.O. Valdeorras na primeira Denominación de Orixe de Galicia en iniciar os traballos de vendima.
A adega Valdesil foi a que deu esta mañá o pistoletazo de saída ao comezo dos traballos na viña As Chas Vieja, en Portela de Vilamartín. A primeira uva en recolectar foio a Godello, que se empregará para elaborar un viño tostado.
A colleita deste ano anticípase “histórica e ideal”, “cunha maduración máis progresiva que a do ano pasado”. Así o asegura Santiago Pérez, técnico da D.O., que pon o acento ademais de nunha climatoloxía favorable, no arduo traballo dos viticultores para evitar a aparición de enfermidades como o mildio ou o oídio.
Tras as primeiras medicións, os técnicos da D.O. falan de “grao de alcohol e acidez ideais”, datos que anticipan unha colleita de alta calidade e rendemento satisfactorios. “Os resultados prometen ser excepcionais, son un reflexo do que xa estamos vendo, nos numerosos premios que estamos obtendo, no récord de ventas; os nosos viños están mellor que nunca”, afirma Santiago Pérez.
Un futuro prometedor
Grazas á investigación e desenvolvemento que o Plan Revival potenciou, Valdeorras “posicionouse á vangarda da innovación enolóxica, sen perder de vista as súas raíces históricas. Desde a súa implementación, adoptáronse prácticas vitivinícolas sacrificadas, innovadoras e respetuosas co medio ambiente, dunha forma compartida polos pequenos viticultores da comarca, reflexando a riqueza e diversidade do terroir de Valdeorras”, indica o CRDO Valdeorras.
Ao longo destos 50 anos, o Plan Revival “demostrou ser un modelo de éxito, garantindo a sostenibilidade e o desenrolo económico da rexión e aproveitando a gran diversidade de pequenas parcelas e condicións xeográficas e climáticas, o que augura un futuro prometedor”, conclúe a D.O.
Fotos cedidas.