A explotación de vacún de carne “Mario Nogueira”, situada no concello lucense de Quiroga, recibía a visita da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que comprometía un impulso ás razas autóctonas, que se presentan como unha oportunidade para coidar o territorio . “Esta gandería é un referente de conservación en canto a razas autóctonas, as cachenas, e a parte diso está o labor que fan nos nosos montes para mantelos limpos. Galicia é 95% rural e, se hai gandeiros e agricultores que traballen, Galicia estará bonita, ese labor que fan co gando e co agro é un valor ao que temos que darlle visibilidade. A carne da raza cachena é de excelente calidade, dun sabor peculiar, e eu animo a todos a que a probe, é moi galega”, sinala a conselleira.
Neste sentido, sinalou o “impacto positivo” que teñen sobre o terreo este tipo de explotacións nas que “os animais aproveitan os pastos, limpan e enriquecen os nosos montes” favorecendo un rural coidado e produtivo que actúa como “cortalume natural”, destacaba. Así o Plan preventivo, integrado no Plan de prevención e defensa contra os incendios Forestais de Galicia (Pladiga), dotado cun orzamento de máis de 41 millóns de euros, contempla a xestión de 5.000 hectáreas a través da gandaría en extensivo como alternativa ao uso de maquinaria.

Ademais a conselleira mandaba unha mensaxe de tranquilidade sobre a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), “un dos perigos e das preocupacións máis actuais para os gandeiros en xeral, pero para os de carne en extensivo en particular. Galicia foi a primeira comunidade que puxo en marcha as indemnizacións por morte causadas pola EHE, é un procedemento que está aberto ao longo de todo o ano. Levamos pagados preto de 200.000 euros aos gandeiros que se viron afectados na campaña pasada por mortes causadas por esta doenza e esta é unha axuda que segue aberta e que se pode solicitar. E estamos agardando a que o ministerio desenvolva o real decreto que nos permita sacar as axudas para subvencionar os gastos dos tratamentos e, de ser o caso, porque así o pedimos da vacina, que está dispoñible dende o 7 de agosto. No momento no que saia esa orde, aquí en Galicia sairán con efecto retroactivo para cubrir eses gastos aos que teñen que facer fronte os galegos”.

A explotación
“Mario Nogueira” é unha explotación de reprodución para a produción de carne con máis de 200 cabezas de gando, na que a meirande parte dos animais son vacas cachenas, unha das seis razas autóctonas orixinarias de Galicia. Trátase dunha gandaría que produce á vez que fomenta a preservación da biodiversidade a través da aposta por estas razas.
Mario Nogueira, que estaba acompañado por un dos seus fillos, agradecía esta visita institucional. “É moi importante para a nosa zona, e para min é algo tamén moi importante porque gustaríame que o meu fillo puidera continuar co labor que iniciei. Penso que temos moitas posibilidades gandeiras no concello e noutras zonas limítrofes e pódense facer moitas cousas polo medio rural, polo que a visita é de agradecer”.
Fotos: O SIL.