
O vindeiro sábado 7 de setembro algunhas das manifestacións do Entroido máis senlleiras da provincia de Ourense poderán verse no centro de Santiago de Compostela. A Xunta de Galicia organiza un ano máis o seu tradicional desfile de entroidos, unha das accións incluídas no seu traballo “pola desestacionalización coa que se pretende que visitantes e galegos coñezan distintos entroidos galegos e promover así a súa visita posterior a Galicia durante o inverno”.
O desfile sairá da Praza do Obradoiro en torno ás 12,45 horas para percorrer as rúas de Fonseca e do Vilar, Praza e Cantón do Toural, rúas Nova e de Xelmírez, Cinco Rúas, Rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, Rúa da Acibechería e Praza da Inmaculada, e rematar de novo na Praza do Obradoiro.
Pero a cita impulsada por Turismo de Galicia comezará moito antes xa que desde 10,30 horas as actuacións de Dj Mil e a Banda do Beat irán ambientando musicalmente o evento con música tradicional galega e novos sons da World Music.
Contarase con arredor de 400 participantes de catro entroidos declarados Festa de Interese Turístico (Vilaboa, Verín, Viana do Bolo e Xenerais da Ulla) e outros 10 entroidos invitados dentro dos moitos carnavais que enriquecen a memoria de Galicia e forman parte do noso patrimonio, que nesta edición serán os Volantes de Chantada, as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vellaróns de Riós, o Entroido de Samede (Paderne), os Galos da Mezquita (A Merca), os Follateiros (Lobios), os Madamitos e Madamitas de Entrimo, os Felos de Esgos, Fulión de Buxán e os Mudados de Ribadetea (Ponteareas).
Esta acción promocional, impulsada por Turismo de Galicia, permitirá “coñecer nun só día unha representación dos entroidos galegos para impulsar a visita dos viaxeiros durante o Entroido, fóra de tempada”.