Prometía emoción pero sobre todo diversión e non defraudaba. Trala misa de acción de gracias que el mesmo presidía na igrexa parroquial de Viana do Bolo, D. Ignacio Lindoso González, popularmente coñecido como “Nacho” asistía á cea de despedida que lle organizaban os seus fregueses das parroquias de Viana e Vilariño de Conso, á fronte das cales estivo durante 18 anos.
Agora comeza unha nova etapa en casa, en Ponferrada, pero na noite do sábado 7 de setembro, os fregueses e amigos forxados nestas terras ao longo dos anos despedíano por todo o alto cunha gran festa no pavillón municipal vianés á que asistían 280 persoas de todas as idades, moitos cativos aos que lles deu clase e que tamén demostraron terlle un gran cariño ao sacerdote e tamén os alcaldes de Viana e Vilariño, Andrés Montesinos e Melisa Macía.

A cea, servida por mantesil, contou cun menú a base de entremeses, lagostinos cocidos, carne asada con patacas e bica, ademais de bebida, café e chupitos, pero no acto non faltou a música pinchada pola xuventude alí presente que convidaban a bailar xa antes de rematar. Con todo o momento máis emotivo da noite era a proxección dun vídeo elaborado “con moito cariño polos mozos de Viana para Nacho” que comezaba cunha selección de fotos “18 anos en imaxes”, dende o seu primeiro bautizo ata a Semana Santa ou actividades celebradas cos xoves; e remataba con pequenos vídeos con cariñosas mensaxes de moitos dos nenos aos que Nacho viu crecer que aseguran que o van botar de menos e que “aquí sempre terás a túa casa”. Convidábano a vir a visitalos desexándolles moita sorte nesta nova etapa.
Visiblemente emocionado Nacho seguía a proxección asegurando que “non esperaba esta unión para facerme esta despedida que é o que máis me toca o corazón e máis me enche”, destacando o testimonio dos nenos e dos maiores. “O Señor sabe que todo foi por el, todo o noso traballo e ilusión foi para que o coñecesen a el e sobre todo, seguir camiñando ao seu lado”, dixo antes de seguir coa celebración.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver
Máis información e fotos:
Misa de acción de gracias en Viana do Bolo para despedir ao párroco D. Ignacio Lindoso “Nacho”



