En portadaÚltima hora

IV Exposición agrogandeira de Trevinca (A Veiga), unha aposta polo sector primario de montaña

A mostra, que se desenvolve nesta fin de semana no Coiñedo, inclúa unha ampla e moi diversa programación

 

Exposición de gando, razas autóctonas e maquinaria agrícola, pero tamén degustacións, espectáculos ecuestres e unha mostra de produtores locais e do sector primario, xunto con stands de artesanía e oficios tradicionais. Ás 11h. deste sábado 19 de oututubro cobraba vida no Coiñedo (A Veiga) a cuarta edición da Exposición Agrogandeira de Trevinca “Crianza Trevinca”, que se celebrará tamén mañá domingo. Trátase dunha iniciativa organizada polo Concello da Veiga, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Inorde.

O acto inaugural contaba coa asistencia de diversas autoridades, entre elas o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemaprte, quen resaltaba no acto a importancia de citas coma esta, que recoñecen o traballo desenvolvido no sector agrogandeiro galego, un dos máis importantes para a nosa comunidades. Ademais, tamén destacou que eventos coma este constitúen un escaparate perfecto para a dar a coñecer o amplo abano de produtos agroalimentarios con selo de calidade diferenciada coas que se conta en Galicia.

Estaba acompañado polo alcalde da Veiga, Juan Anta; polo deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; así como por rexedores e represetantes doutros concellos próximos, entre outras autoridades.

 

 

Esta exposición agrogandeira busca “revalorizar e seguir impulsando a figura das persoas gandeiras, agricultoras e artesáns, catalogándose como unha homenaxe cara a aquelas que dan alma, valor e vida ao noso territorio, promocionándose tamén a vida no ámbito rural”, segundo os seus organizadores.

Durante toda a fin de semana haberá de xeito permanente exposición de gando, razas autóctonas e maquinaria agrícola. Expositores de produtores locais e do sector primario, xunto con stands de artesanía e oficios tradicionais.

O programa conta con actividades xa asentadas pola boa aceptación de anos anteriores como o espectáculo ecuestre, talador de madeira. degustacións de produtos locais (carne, faba loba, mel Montañas de Trevinca, etc.), recuperación do oficio tradicional da malla, etc.

 

 

Na programación deste ano inclúense algunhas novidades de cara a abrir a exposición cada vez a un público máis amplo. Contarase cunha exhibición de cans de pastoreo, exposición de maquinaria agrícola antiga local en colaboración coa Denominación de Orixe Valdeorras, catas de viños marinadas con produtos locais.

 

 

Contarase co photocall Crianza Trevinca, onde todos os visitantes se poderán facer como recordo unha foto da feira. Mantéñense os xogos tradicionais, o concurso Acarabuñando a Gadaña, xogos de bolos, etc. E sen esquecer, a zona infantil “Espazo Crianciñas Trevinca“ durante toda a fin de semana, onde os máis pequenos desfrutarán de inchables, xogos tradicionais, talleres de chapas, elaboración de chaveiros, pintacaras e ata deseño das súas propias mochilas como agasallo.

A zona de restauración incluirá bares e restaurantes, onde poder degustar a gastronomía local. Tamén estará presente a Food Truck “Galicia Sabe Amar”, da Consellería do Mar, para a posta en valor da actividade pesqueira.

Fotos: O SIL, agás as dúas primeiras da galería que son cedidas.

 

 

Back to top button