“Non teño palabras, de verdade, moitísimas grazas. Esperemos que isto pase pronto e que a próxima vez que falemos sexa noutras circunstancias”. Deste xeito agradecía Ainhoa, natural do municipio de San Xoán de Río e concelleira de Alginet, a axuda humanitaria enviada dende este Concello logo dunha recollida solidaria para os afectados pola DANA.
Tras a catástrofe esta edil poñíase en contacto co Concello de Río para solicitar axuda pola DANA. “A nosa resposta foi inmediata e coordinada por “Sostibles Ourense”. 24 pallets xa están en Alginet e poderán axudar á xente que o perdeu todo nesta catástrofe. Queremos dar as grazas a toda a xente que doou material para os afectados e sobre todo a todos eses heroes sen capa que fixeron isto posible”, asegura o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez.
Ademais o rexedor asegura que “aquí non termina nada, máis ben todo o contrario, comeza unha colaboración intermunicipal na que seguiremos axudando a Alginet, da mesma maneira que eles farían connosco se a situación fose ao revés. Nestas catástrofes vese o mellor e o peor do ser humano. Nós con este pequeno vídeo queremos quedarnos co mellor, unha solidariedade que é imparable”.
Imaxes cedidas.