
Eduardo Iglesias completaba con éxito a etapa 3 do Dakar 2025 entre Bisha e Al Henakiyah, que aínda que foi recortada dos 526 quilómetros inicialmente previstos a 326, presentou un desafío físico e técnico considerable. “Foi moi dura porque tivemos uns 100 quilómetros de moita pedra, o que complicou bastante a condución. Tamén houbo algunhas zonas máis rápidas que permitiron recuperar algo de tempo, pero en xeral foi un día esixente”, explicaba o piloto monfortino.
Ademais do tramo cronometrado, a xornada incluía unha longa ligazón de 320 quilómetros, o que sumou máis quilómetros ao contador do día e aumentou o desgaste tanto para os pilotos como para as súas motos. A pesar diso, Iglesias mantén o seu bo estado físico e mecánico, e móstrase optimista para os próximos días.

O foco agora está na temida etapa maratón, que comeza hoxe, coñecida pola súa complexidade, xa que os pilotos deben completar dous días consecutivos sen asistencia mecánica, o que esixe un nivel extra de preparación e coidado das súas máquinas. “Creo que esta etapa, xunto coas 48h chrono, será clave neste Dakar. Espérannos dous días sen asistencia, e ademais teremos que durmir en tendas de campaña, o que aumenta o desafío”, detalla Iglesias.
O piloto monfortino afronta este tramo decisivo con determinación, consciente de que cada decisión, tanto na pilotaxe como no coidado da súa moto, será crucial para seguir avanzando na clasificación. Co seu habitual optimismo, Eduardo confía en superar con éxito a etapa maratón e continuar deixando o nome de Galicia no alto na competición máis dura do mundo.
Fotos e vídeo cedidos.



