Co obxectivo de practicar o deporte que máis lles gusta na súa terra e de paso darlle visibilidade, da unión de mozos de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso nacía no ano 2022 a Asociación Deportiva Intermunicipal Vianariño FS. Un ilusionante proxecto deportivo que en pouco máis de dous anos logrou formar unha estrutura que vai en aumento, consolidándose día a día.
Comezaban cun equipo sénior masculino na liga provincial de fútbol sala que agora compite xa na Preferente Sur, despois formaban un equipo xuvenil e outro feminino, e nesta tempada sacaban tres novos equipos para os máis pequenos, coa colaboración do Concello de Viana e as súas Escolas Deportivas dirixidas por Pinchacarneira Ocio y Animación.


Así, a día de hoxe o Vianariño FS conta con seis equipos de diversas categorías: sénior masculino e feminino; xuvenil; infantil mixto; alevín mixto; e benxamín mixto, “representando unha vila, un deporte, unha ilusión e deixando unha pegada nosa a nivel provincial e autonómico”, din dende o club que na tarde deste sábado 8 de febreiro celebraba o ‘Día do club’, compartindo coa afección a presentación de todos e cada un dos equipos nun ambiente de club, de diversas xeracións e de deporte de base.



Coa asistencia, entre outras autoridades, dos alcaldes de Viana do Bolo, Andrés Montesinos e Vilariño de Conso, Melisa Macía, o evento contaba con animación musical a cargo do Dj Tariro, presentando un a un aos xogadores que conforman os diferentes planteis. “É para nós un orgullo xuntar aos equipos, ao corpo técnico, directiva, familias, amigos e todos aqueles que dende patrocinios, apoio na bancada e calquera outro xeito facedes posible esta realidade”, aseguran dende a directiva, dando reiteradamente as grazas a todos e marcándose como meta seguir crecendo “con máis nenos para o ano que vén”.
Trala presentación, o equipo sénior dirixido por Xocas enfrontábase ao Pecheches FS. E mañá será o turno do equipo feminino que xogará pola mañá contra o Rúa Valdeorras FSF.
Fotos e vídeos: O SIL.



