A figura do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán será promocionada na Universidade do País Vasco/ Euskal Herriko Unibertsitatea o vindeiro 11 de novembro.
O acto terá lugar na Aula Magna da Facultade de Letras a partires da 11 horas e contará coa participación de Débora Álvarez Moldes que dará unha conferencia sobre “os procesos de elaboración dun proxecto de actividades de dinamización cultural e lingüística, para o que tomei como exemplo un proxecto centrado na figura do poeta valdeorrés”, explica Débora, dinamizadora da lingua galega e da Biblioteca Pública Miunicipal Florencio Delgado Gurriarán do Barco de Valdeorras.
Trala conferencia, o grupo Los Correctos porá música a algúns poemas do autor nun pequeno concerto como broche á actividade.