As festas patronais de Casaio (Carballeda de Valdeorras) celébranse no mes de setembro, con cultos na igrexa e baile na praza. Pero uns meses antes, en plena primavera, os veciños manteñen outra celebración, tan tradicional como enxebre en plena natureza, coñecida como a Romaría do San Xil Vello que tiña lugar no mediodía deste xoves 1 de maio (Día do Traballo) no entorno da ermida. Unha edificación en pedra con tellado de lousa que se atopa nas inmediacións de Pena Trevinca a medio camiño entre Casaio e O Teixadal, a uns mil metros de altura, na cara sur dunha ladeira poboada de carballos, acibros e castiñeiros.





Ata alí se achegaban, fieis á cita, numerosos veciños e visitantes para pasar o día, entre nubes e claros, cunha temperatura máis que agradable. Coma sempre ás 12:30 horas tiña lugar a procesión coa imaxe do santo e o acompañamento musical da charanga Templarios de Ponferrada, seguida da misa no interior da capela presidida polo párroco Juan José Prieto que remataba co tradicional cántico adicado a San Xil interpretado polos veciños.
Por último tiña lugar o xantar no exterior reunidos en grupos (algúns moi numerosos) con todo tipo de viandas, entre as que non faltaba a carne á grella.






A historia do protagonista desta cita, San Xil, está intimamente vencellada á do mosteiro sanabrés de San Martiño de Castañeda aínda que segundo o historiador Isidro García Tato, unha reconstrución exacta da vida deste persoeiro resulta imposible “porque, ademais de estar moi mesturada a historia coa lenda, os datos de que se dispoñen son tan dispares que ás veces resultan contradictorios”.


Partindo da base “de que faltan razóns convincentes nas diferentes versións sobre a biografía de San Xil”, García Tato inclínase pola que asegura que a súa vida estaría dacabalo entre a segunda e a primeira metade dos séculos XII e XII, sendo monxe Cisterciense do Mosteiro de Carracedo e abade do Mosteiro de San Martín de Castañeda que levou vida eremítica (centrada na meditación, o silencio e a penitencia) nos montes de Casaio onde morreu “en olor de santidade”. Unha versión, entre a lenda e a historia, que os seus devotos manteñen viva cada 1 de maio.


Fotos: Carlos G. Hervella.



