OurenseÚltima hora

As Macizas Centrais de Trives, nesta edición de ‘Hai que Cantar!’ o encontro de cantos de taberna que regresa aos Viños de Ourense

 

Macizas Centrais./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A asociación cultural A Maquinadora organiza a nova edición de Hai que Cantar!, o emblemático encontro de cantos de taberna que regresa aos Viños de Ourense logo de varios anos de silencio. “Esta será a primeira edición dunha nova etapa do festival, que nace cunha clara vocación itinerante e comunitaria, mantendo o seu característico espírito festivo e popular”, aseguraban na presentación realizada nas portas do Bar Sol.

A cita será na tarde deste venres 30 de maio, cun percorrido musical por catro dos locais máis veteranos dos Viños de Ourense, onde catro grupos populares farán soar a tradición oral a pé de barra, recuperando o ambiente dos cantos espontáneos e compartidos que tanto caracterizan este formato. Os locais que participan son Orellas (praza do Ferro), O sol, Orellas (Rúa da Paz) e o Bar París.

 

 

Esta primeira parada marcará o inicio dun proxecto de longo percorrido, que nas vindeiras edicións se expandirá cara aos barrios e contornas da cidade, ampliando o mapa emocional e cultural dos cantos de taberna en Ourense e consolidando unha rede comunitaria en torno á música tradicional.

Con esta proposta, Hai que Cantar! reafírmase como “unha iniciativa cultural singular, que aposta por recuperar espazos comúns, fortalecer as redes veciñais e dar protagonismo á nosa tradición oral nun formato vivo, accesible e celebrativo”. Dende A Maquinaria Alba Souto agradeceu a implicación dos bares, grupos (entre os que figuran as Macizas Centrais de Trives) e das dúas adegas participantes, afirmando que “nesta nova etapa, Hai que Cantar será unha ocasión, tamén, para por en valor pequenas adegas e viños de autor, como son neste caso os viños de Monterrei de Adega Abeledos ou o viño do Rosal de Adega Pateira.

 

Presentación do encontro de cantos de taberna.

 

Artigos relacionados

Back to top button