A historia, a etnografía ou a arqueoloxía son algúns dos campos nos que Xesús Taboada Chivite (Verín, 1907-1976) centraba o seu labor investigador. Coincidindo co 40 aniversario do seu falecemento, a Biblioteca Municipal de Verín lembrará a súa figura cunha exposición e cun ciclo de conferencias.
“Foi o maior estudoso e difusor da cultura local, ademais de docente de varias xeracións de alumnos que se formaron na súa academia”, destacan dende o Concello de Verín. O goberno muncipal plantéxase este “ano Taboada” como un recoñecemento á figura renacentista dun home que “sentou as bases da historiografía e da antropoloxía local, un verinés completo que nos ten que servir de exemplo a todos”, segundo o alcade verinense, Gerardo Seoane.
Os actos comezarán o día 21 de novembro ás 19:30h. na Biblioteca de Verín coa inauguración dunha mostra de fotografías, obxectos e correspondencia deste autor, que poderá visitarse ata o 26 de novembro. Ademais haberá un ciclo de conferencias que abrirá Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, dando unha “visión máis académica e profesional de Taboada Chivite” o día 22 ás 19:30h., no salón de actos do Concello de Verín.
Nese mesmo lugar, o 24 de novembro ás 20h. Ramón García Gómez, doutor en Dereito Civil e investigador, centrarase na “fortificación de Monterrei e a importancia do traballo de Taboada Chivite” con relación a esta construción. Ao día seguinte, o fillo deste estudos, Xesús Taboada Cid, falará sobre o seu pai ás 19:30h.
Igualmente, no Auditorio de Verín comeza unha exposición divulgativa da obra e vida de Taboada, que poderá ser visita durante todo o que resta de ano.