Nun lugar emblemático, á beira do río Bibei, e cun ambiente único arrancaba a xira “Lugares Máxicos” do gaiteiro Carlos Núñez na tardiña do 17 de xullo, dentro dos “Concertos do Xacobeo”. Por vez primeira, o adro do Santuario das Ermidas (O Bolo) convertíase en escenario dun concerto no que se facía un repaso pola traxectoria musical deste artista, viaxando polas diferentes sonoridades da música celta e tamén estreitando lazos con outras irmás como as brasileiras, que engaiolaba por completo ao público dende o inicio.
Soaban os primeiros acordes cos catro membros da súa banda sobre o escenario: Pancho Álvarez (guitarra), Itxaso Elizagoien (trikitixa), María Sánchez, (violinista e cantante) e Xurxo Núñez (percusións). E logo duns segundos, abríase a porta do templo do santuario (convertido de modo expecional en camerino), e entre aplausos e gaita en man, aparecía Carlos Núñez.
A partir de aí o músico presentaba ao seu grupo nun concerto especial dende o primeiro momento, non só polo espazo, senón tamén polo seu público, que se convertía nun dos protagonistas. De feito a el dirixíase dende o primeiro momento o gaiteiro para preguntar de onde eran e de onde viñan as persoas que querían escoitalo: Valdeorras, Ourense, resto de Galicia e España e, mesmo de Francia.

E a música cobraba vida, nunha actuación na que Núñez ía intercalando gaitas, frautas e ocarina. Podería dicirse que o gaiteiro é, en si mesmo, un espectáculo: encandeaba e contaba historias, contextualizaba as orixes dos temas e a súa procedencia, sendo moi cercano e á vez erudito, seducinco ao público e despregando simpatía. Dese xeito, transmitía que goza coa xente e que lle gusta ver gozar ao seu público ata o final.
Era ademais un concerto con sorpresas xa dende o terceiro tema no que un grupo de gaiteiros da Banda de gaitas de Abertal (A Rúa) e da Banda de Gaitas do Concello de Viana do Bolo, baixaban de repente a escalinata do lateral dereito do santuario para acompañar a Carlos Núñez e á súa banda.
Sorpresa tamén cando Carlos Núñez se mesturaba entre o público para convidalo a subir ao escenario e a bailar varias pezas. Pezas dun repertorio que repasaba a súa carreira musical: dende temas da “Irmandade das Estrelas” (como o que dá título ao disco ou “Cantareiras”) ata pezas dos seus últimos traballos como “Mare Brittanicum” de “Celtic Sea”, pasando por composicións tradicionais bretonas como “Andro”, irlandesas ou galegas como “Danza das Espadas” ou as habituais “Alborada da Veiga/ Muiñeira de Chantada” e “A Rianxeira”, ata temas que se fixeron moi coñecidos como “El pozo de Aran”.
Ademais convidaba a un dos párrocos das Ermidas (O Bolo), José Antonio Crespo, quen agradecía o concerto e resaltando que era a mellor actuación que podería ter o santuario no marco do seu 400 aniversarios. Ademais lembraba para Carlos Núñez a lenda que explica as orixes deste santuario.
Tamén se subía ao escenario o director de Turismo de Galicia, o valdeorrés Xosé Merelles, quen resaltaba que nada mellor para iniciar esta xira que este lugar e resaltaba a calidade do espectáculo.
Esta actuación, que contaba co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, esgotaba días antes as súas entradas e reunía a máis de 300 persoas. Entre os asistentes había diversos alcaldes e concelleiros, tanto do Bolo, como de concellos próximos como Manzaneda, Viana do Bolo, Petín, Vilariño de Conso ou Vilamartín, entre outros. Despois, o artista baixaba do escenario para saudar aos asitentes, asinar discos e fotografarse co público con suma amabilidade e simpatía.
Fotos: Carlos G. Hervella
Vídeos: O SIL.
Máis información e fotos:
https://osil.info/abertal-e-a-banda-de-gaitas-de-viana-subense-ao-escenario-con-carlos-nunez-nas-ermidas-o-bolo/
https://osil.info/merelles-o-concerto-de-carlos-nunez-foi-o-mellor-colofon-ao-400-aniversario-do-santuario-das-ermidas/
https://osil.info/carlos-nunez-fai-participe-ao-publico-da-sua-musica-do-baile-e-da-festa-nas-ermidas-o-bolo/

