A Sala de Exposición de Verín acolle dende onte a mostra fotográfica “Oficios entre lusco e fusco”, que o Concello organiza xunto con Abanca e Afundación. Composta por imaxes do fotógrafo Xosé Abad, a mostra, que está aberta até o 11 de febreiro, ten como obxectivo reflexionar sobre a desaparición de moitos oficios pola mecanización do traballo e a produción en masa do ámbito da sociedade de consumo, ensinando como a calidade da produción, a experiencia como garantía ou a consideración cara aos profesionais, son valores que están en claro retroceso. No acto de inauguración estiveron presentes o tenente de alcalde, Diego Lourenzo; Xosé Carlos Caneiro, patrón de Afundación; Alberto López, coordinación de Negocio Institucional de Abanca en Ourense e Lugo e Raúl Vega, director da oficina de Abanca en Verín.
Esta iniciativa é parte do proxecto de Abanca e Afundación de trasladar propostas culturais fóra dos seus espazos co obxectivo de achegalas a habitantes doutras poboacións. A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar en horario de luns a venres de 17:00 a 21:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas.