EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

O CCA O Barco celebra a I Noite Branca de Socios, cunha festa á beira do río

 

Din que ninguén é profesta na súa terra pero é unha afirmación que non sempre se cumpre. Agradecida “de corazón” por ter pensado nela e por “concederme o provilexio como barquense de presentar a primeira Noite Branca dirixida aos socios do Centro Comercial Aberto O Barco”, Diana Ortiz dirixíase aos asistentes a unha festa moi especial á beira do río Sil, na praia fluvial barquense.

 

 

Onte, o CCA celebraba a XIII Noite Branca na que os 19 os comercios participantes ampliaron o seu horario ata as 23 horas, ofrecendo descontos en produtos de tempada, coa animación musical dos Charangaiteiros. Pero neste 2026, no que a asociación cumpre 22 anos chegando aos 100 socios, quixo facer algo especial, para celebrar con eles, os 100 socios adscritos. E para iso pensaba nunha xornada especial, presentada pola barquense Diana Ortiz que contaba con música, un espectáculo acrobático e unha petiscada.

 

 

Diana daba a benvida aos asistentes á primeira edición dun encontro co que despiden a primavera e dan a benvida ao verán, resultando “dobremente máxica”, asegurando que se trata dunha noite para o reencontro, lembrando os inicios do Centro Comercial Aberto no ano 2004 e da súa propia vinculación coa asociación participando e case todos os desfiles. “Comecei desfilando de solteira, tamén embarazada, coa miña filla pequeniña no carro e xa de adolescente volvimos coincidir”, lembrou, dando de novo as grazas “por seguir querendo confiar en min nos eventos que tedes”.

 

 

Despois de dar as grazas aos colaboradores e de forma especial á concelleira de Comercio Alba Rodríguez,  en representación do Concello do Barco e á presidenta de Cruz Vermella Valdeorras, Marivi, a presentadora daba paso ao prato forte da noite, a actuación da presentadora e cantante da TVG Fátima Pego e da acróbata Reyna, que ofreceron un espectáculo único de música e acrobacias, co que convidaron a bailar ao público.

 

 

O broche á festa poñeráo a cea acompañada de viños de Valdeorras, nun ambiente pensado para compartir unha noite inesquecible entre amigos e socios, porque con esta Noite Branca, un pouco diferente ás anteriores, “queremos expresar o noso máis sinceiro agradecemento a todos os socios pola súa fidelidade e polo apoio incondicional que lle brindan á asociación día tras día. Grazas por formar parte deste proxecto e por seguir camiñando xuntos con tanta ilusión e compromiso”, aseguran dende o CCA presidido por Jacobo Arias.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button