A singular sonoridade, e as espectaculares e simbólicas danzas de tres países doutros tantos continentes xuntábanse na noite do 12 de agosto no Barco nun evento moi especial e agardado polo público: as XLI Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense. O seu programa poñíase en marcha a partir das 22:30h. no campo da festa do Barco (dentro do Paseo do Malecón), totalmente ateigado de xente, presentado por Montse Estévez.


Estreábase da man de Yitzy Folk Dance Theatre de Taiwán, grupo nacido no ano 1996 en Tainán coa inquedanza de revitalizar o folclore e as tradicións deste país a través da innovación e o intercambio cultural. Despregaban ante o público un impresionante repertorio no que o grupo recreaba cerimonias relixiosas, lendas, feitos históricos e bailes de traballos e festividades, achegando unha ampla representación da cultura tradicional chinesa, entre dragóns, animais mariños e fantásticos, ademais de figuras enmascaradas. Especialmente fermoso e delicado resultaba o seu baile dos abanos.

Elenco Ñukanchik de Ecuador, composto por 28 artistas, era o seguinte en subirse ao escenario. Esta agrupación fundábase no 2004 na cidade de Riobamba, ao sur de Quito, e dende o inicio apostaba por revitalizar a memoria cultural do pobo ecuatoriano e o fortalecemento da súa identidade a través de manifestacións tradicionais da cultura montubia, afroecuatoriana, amázonia e andina do Ecuador, achegándose aos saberes ancestrais con respecto ás diversidades culturais existentes no país suramericano.



Con coloristas vestimentas, despregaban unha música moi intensa e vitalista, o mesmo que as danzas, nas que non faltaban referencias a divinidades como Jamu ou máscaras con longas fitas e campás ás costas. Tamén contaban coa música e os pasos e saltos lendas, como a do labrego que non lle rendeu tributo á divinidade da montaña e rematou convertido en touro.
Ademais o público barquense rendíase ante ás espectaculares, frenéticas e vertixinosas danzas, mesmo con toques de acrobacias, do Folk Dance Group “Tucovic” de Serbia, unha compañía fundada en 1978 en Belgrado e que é unha das máis populares do país. Entre as danzas coas que agasallaban ao público estaba a dunha moza, a piques de casar, que escenificaba xunto as súas amigas. Usan os lazos como elemento escenifican, a modo ritual, un lavado e secado de prendas.



Ademais este grupo serbio caracterízase por amosar a riqueza do folclore serbio dun innovador e atractivo xeito, no que sobresae o entusiasmo dos seus bailaríns sobre o escenario e co que contaxiaban aos espectadores barquenses. E iso deixábase sentir especialmente na parte final do festival cun espectacular bis cheo de saltos, acrobacias case imposibles e movementos inesperados, cargados de bo humor e alegría. Algo que o público agradecía cun sentido e dobre aplauso.




Destacaba, ademais da calidade artísticas dos seus integrantes, as súas habilidades, nun espectáculo no que abraiaba o seu colorido vestiario e os intensos, alegres e contaxiosos ritmos das súas músicas.


Así, un ano máis o público rendíase ante a calidade e alto nivel dos grupos participantes nas Xornadas de Folclore que propoñían unha fermosa e interesante viaxe pola cultura e tradicións destes tres países a través das súas músicas, danzas e rituais.
Fotos: A.R.
O espectáculo no Barco das XLI Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense, en vídeos
