
Quinta cita do itinerario cultural V NOVE, que entra no seu ecuador. Desta volta musical, cun concerto de Maricarme con entrada libre ás 19:00 h.Tras o concerto de Susana Seivane no Castrillón de Larouco, as tres noites de cine na Rúa, a narración oral de Avelino González na Ponte da Cigarrosa en Petín e o concerto de Son Galaico na Praia dos Franceses da Veiga, este programa cultural por Valdeorras afronta as súas cinco últimas estacións.
Así, este domingo terá lugar a actuación de Maricarme no Bolo. Este proxecto musical supón o encontro de tres nomes coñecidos da escena galega: Cibrán Seixo, Antía Ameixeiras e Migui Carballido. A súa proposta parte da tradición oral e dos instrumentos acústicos —violíns, pandeiros, buzuki— e cruzaos con pads, pedais e electrónica, nun folk enérxico e bailable que vai do repertorio tradicional ás composicións propias.
“Non é casual que esta cita caia nun castelo. O Castelo de O Bolo érguese no alto da vila desde a Idade Media: as primeiras novas da fortaleza remóntanse aos séculos XII e XIII, pertenceu aos condes de Lemos, foi derrubado na segunda revolta irmandiña de 1467 e reconstruído despois. Da fortaleza orixinal consérvase a Torre da Homenaxe, duns vinte metros de altura, e boa parte das murallas que a rodeaban. Rehabilitado a comezos deste século, acolle hoxe un centro de interpretación que inclúe, entre outras salas, unha colección de gaitas singulares da península. Que un concerto de raíz soe ao pé desa torre é, exactamente, o que V NOVE busca en cada estación”, explican os promotores desta iniciativa.

O que queda do itinerario
“Comedia no cumio”
Sábado 26 de setembro · 19:00 h · Pizarras Tres Cuñados, Casaio (Carballeda de
Valdeorras)
Humor a máis de mil metros de altitude, nas instalacións dunha canteira de lousa, con Carlos Blanco, David Amor e Leti da Taberna. Entradas á venda en Ton y Son e en Ataquilla.com, con modalidade que inclúe o autobús de subida.
Música no Camiño
Sábado 3 de outubro · O Bañadoiro, Vilamartín de Valdeorras · entrada libre
Unha das citas máis importantes de todo o itinerario. A noite grande de V NOVE, á beira do Sil, está encabezada por Veintiuno, unha das bandas de referencia do pop español actual, e complétana Eris Mackenzie, Mrs. Fine e DJ Motto. Entrada libre.
Concerto de De Vacas e visita guiada á adega
Sábado 10 de outubro · 18:00 h · Adega Roandi, Éntoma (O Barco de Valdeorras)
De Vacas presenta o seu espectáculo Rebovina Divas Live nunha adega da Denominación de Orixe Valdeorras, nunha cita que combina o concerto cunha visita guiada ás instalacións. Entradas á venda proximamente.
A ruta do mel
Domingo 25 de outubro · 11:00 h · Serra da Enciña da Lastra, Rubiá · prazas moi limitadas
O peche do itinerario é unha experiencia de interpretación da paisaxe e do patrimonio apícola no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, da man de O Marquesado, apicultores desde 1896. Con prazas moi limitadas; reservas en Ton y Son e en contacto@vnove.es.
V NOVE está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e está producido pola empresa valdeorresa Ton y Son.