CulturaCultura

Xavier Sánchez presenta na Rúa “unha historia política e social do R.C. Celta, pero tamén moi futboleira”

 

Coa  vontade de “achegarse ás raíces do club e ás ideas que impulsaron a súa creación, poñendo o foco nunha aspiración que forma parte da nosa historia: a de facer do Celta un equipo capaz de representar futbolisticamente a Galicia máis aló do ámbito local”, nacía Un equipo para un país: O Celta e a galeguidade. A primeira obra editada por RIO1923 e asinada por Xavier Sánchez Pazos que o propio autor presentaba na biblioteca municipal da Rúa o sábado 26 de setembro.

Licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, Xavier Sánchez Pazos, é investigador especializado na historia do Celta e un salientable seareiro celtista que nesta obra “combina rigor, paixón e memoria para afondar nunha pregunta esencial: Que lugar ocupa o Celta na construción simbólica da Galicia contemporánea?”, tal como aseguran dende o propio club celeste.

 

 

Segundo o autor, o nacemento do Celta en 1923 non foi resultado do azar ou dunha decisión arbitraria. “Antes de nada, foi a consecuencia lóxica e natural dun proxecto ben calculado polos seus fundadores”, polo que neste libro procura debullar cales foron as forzas que impulsaron a fundación do Celta e as ideas que sustentaron aquel proxecto. “Entre todas elas hai unha que destaca por riba de todas, a que máis callou no imaxinario do celtismo, aquela que afirma que o Celta foi creado para transcender o local e ser un equipo que podía representar futbolisticamente a un país. Galiza nun campo de fútbol”, di Sánchez Pazos no libro, asegurando que o obxectivo destas páxinas “é ver canto hai de historia e de mito nesta vella premisa e, o máis importante, analizar como se consolidou entre os seus seareiros e seareiras ata constituir o cerne da identidade celtista, que sempre foi unha identidade claramente galega”.

Toda a familia celtista circula ao longo do libro: os fundadores, os futbolistas das distintas xeracións, xornalistas, seareiros e agrupacións celtistas, grupos xuvenís, directivos, amigos e rivais… A historia do Real Club Celta e a súa vella conexión coa galeguidade é analizada á luz de diferentes acontecementos e procesos históricos: a influencia do galeguismo de preguerra, o suceso da teoría do “celtismo” ou “atlantismo”, a puxanza económica e a modernidade do Vigo industrial e burgués de comezos do século XX, as secuelas da Guerra Civil, o desenvolvemento industrial e urbanístico da cidade, a chegada da Autonomía, o crecemento do nacionalismo galego, a identidade local viguesa,… “O resultado: unha historia política e social do Real Club Celta, pero tamen moi futboleira”.

Fotos cedidas.

Back to top button