CulturaCultura

O Carballiño organiza un roteiro de Emilia Pardo Bazán para o 27 de maio

 

O roteiro será por Banga e Cabanelas. 

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración co concello do Carballiño, programa para o sábado 27 de maio, un roteiro sobre Emilia Pardo Bazán. Desenvolverase a partir das 16:30 horas, cunha duración aproximada de tres horas e media, por Banga e Cabanelas.

O programa inclúe unha visita guiada ao pazo dos Quiroga en Banga e á igrexa de Santa Baia, para continuar despois a andaina por Cima de Vila ata Cabanelas. Alí está prevista a visita a diversos lugares de interese, como a “casa das caras” e o pazo dos Quiroga, para rematar na sede do Centro de Estudios Chamoso Lamas, na Casa da Bexanca, onde se proxectará un documental sobre Emilia Pardo Bazán, e se levará a cabo un faladoiro con persoas expertas na súa obra, sobre todo no tocante á súa relación con Banga, Cabanelas e O Carballiño, que a escritora deixou reflexado na novela El Cisne de Vilamorta (1885), entre outras, como La madre naturaleza.

O punto de encontro será ás 16:30 horas, o sábado, 27 de maio, fronte á escola, por ser a zona con espacio de aparcamento. Non será necesario inscribirse previamente para poder participar no roteiro.

Esta é a segunda andaina que programan este ano conxuntamente o Centro de Estudios Chamoso Lamas e a concellería de Cultura do concello do Carballiño, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico e cultural do municipio e da comarca. A primeira andaina desenvooveuse á torre medieval de Godás na pasada Semana Santa, e unha terceira andaina terá lugar no mes de xullo aos petroglifos de Cangues, na Esgueva.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button