Os días 13 e 14 de agosto, a vila ourensá de Riós acollerá a sétima edición do Festival das Artes Escénicas “Abelardo Gabriel” organizado pola Asociación Cultural da Castaña. O evento era presentado na mañá do 1 de agosto no Centro Cultural Marcos Valcarce de Ourense, nun acto que contou coa presenza do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o coordinador cultural da Deputación de ourense, César Fernández Gil; o alcalde de Riós, Francisco Veiga; o galardoado coa Castaña de Cristal deste ano, Antón Durán “Morris”; e o actor e director do festival, Rubén Riós.
Os actos comezarán o mércores día 13 con proxeccións audiovisuais e unha verbena tradicional a cargo do Colectivo Rebulir de Ramirás e Coral Cantarela.
Na Ruta do Talento, prevista para o xoves 14 de agosto, sección na que os persoeiros de renome que pasen por este evento deixarán a súa pegada física bautizando un castiñeiro, serán recoñecidos este ano Carlos Sobera e Carmen Avendaño, coa presentación de Manuel Mandianes e a actuación musical de Lucía Pérez e a Banda de Gaitas de Riós.
Esta séptima edición tamén contará cunha ampla oferta dirixida ao público infantil de diferentes idades con xogos, obradoiros diversos ou contacontos.
O festival rematará coa tradicional gala, no decurso da cal se fará entrega da Castaña de Cristal a Antón Durán “Morris” e que contará coas intervencións de Pedro Brandaríz, Fran Rei, Carlos Sobera, Carlos Blanco e Oscar Ibañez. Durante o acto tamén se emitirá o trailer de “A Esmorga” dirixida por Ignacio Vilar. Para pechar a programación haberá un concerto de Lys Pardo, seguido da actuación de Grupo Triunfo e unha sesión do DJ Guti.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil