A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), iniciou os traballos de restauración hidrográfico-forestal do río Barbaña, ao seu paso por Ourense.
Esta mañá (13 de xullo), o presidente da CHMS, Francisco Marín, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitaron a zona de actuación no tramo urbano do Barbaña.
Esta actuación está incluída na Encomenda de Xestión de “Restauración hidrolóxico forestal e mellora da conectividade en caudais das concas dos ríos Miño e Limia na provincia de Ourense”, nas que o organismo da conca investirá máis de 250.000 euros.
Dentro destas actuación, e no termo municipal de Ourense, faranse traballos en distintos tramos dos regatos dos Muíños, Vistahermosa, Valdorregueiro e do Cano e nos ríos Lonia e Porto en Ourense e no Barbaña ( ao seu paso pola cidade e por San Cibrao das Viñas), nun total de 14 quilómetros de caudal. A inversión prevista para ambos municipios ascende a 125.000 euros.
As actuacións previstas englóbanse en desbroce da zona, xa que había exceso de maleza arbustiva e acumulada, así como árbores secas e caídas no leito do río, co obxectivo de mellorar a capacidade de desaugadoiro do río. Tamén faranse podas selectivas e os restos xerados trituraranse no momento, din dende a CHMS, ou ofreceranse aos veciños para o seu uso doméstico.
Estímase que estas actuacións duren uns seis meses e serán levadas a cabo por unha brigada composta por unha cuadrilla forestal de seis operarios.