En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O subsolo de Vilamartín énchese de miles de persoas

A XXI Festa das Covas xa é unha cita consolidada que atrae a persoas de diferentes puntos de Galicia, España e o mundo

Vilamartín engalanouse hoxe, 5 de agosto, para celebrar unha das citas ineludibles do seu calendario de festexos: A XXI Festa das Covas. Un evento xa consolidado na vila valdeorresa que cada ano atrae a miles de persoas, de dentro da comarca e de fóra, para gozar do viño e das impresionantes covas, que son a marca deste pobo.

Nesta cita, case 50 coveiros abriron as súas casas para que os asistentes puidesen ver como son estas marabillas feitas baixo a terra. Nin o metro de Moscova, considerado un dos máis bonitos do mundo; ou o de Lisboa, poden envexar a estas verdadeiras obras de arte feitas no subsolo de Vilamartín e que teñen centos de anos de antigüidade.

Pero claro, como toda festa galega que se prece, esta celebración ten que estar regada cun bo viño e condimentada cos mellores produtos da zona: tinto ou branco, empanada, xamón e chourizo da casa, queixo… manxares que se poden gozar nesta festividade pagando unha entrada de só 10 euros.

Xa cara ás nove da noite as xentes agolpábanse no posto de venda da entrada á Ruta das Covas. Tras a entrada, tocaba recoller o equipamento: o pano (vermello este ano) e unha cunca de barro, indispensable para poder beber os caldos das covas. Xa antes de entrar, o son das gaitas chamaba aos festeiros para que se unisen ao barullo. Pero claro, entre tanta xente é moi doado perderse ou separarse do grupo, e por iso os asistentes acostuman a portar camisetas iguais, con mensaxes máis que peculiares e deseños moi chamativos, así nunca se perderían da manada.

A ruta vai ascendendo pola zona das covas e as colas ían crecendo a medida que transcorría a xornada. Segundo asegurou un grupo provinte de Toledo: “a espera paga a pena, xa que o viño e a comida son o mellor que hai nesta festa”. E o certo é que a Festa das Covas atrae a moitas persoas vindas de diferentes puntos de Galicia, España e o mundo. Por exemplo, Renoir Begnoit veu dende Estrasburgo (Francia) ata aquí. Segundo contou este cidadán galo, “a miña cidade está nunha zona produtora de viño e tamén fanse rutas polas adegas, pero creo que habería que exportar este formato a Francia”, asegurou .

Vigo, Ourense, Cangas, Santiago, Xinzo, Estados Unidos, Alemaña, Barcelona, Madrid, son algúns dos lugares de procedencia dos que alí estaban e, nalgúns casos, non era a primeira vez que viñan. De feito, un grupo de Madrid celebraban o seu sétimo aniversario na Festa das Covas: “temos un amigo que é da zona e xa temos marcada no calendario esta festa dende comezo de ano, é incrible e sempre o pasamos moi ben”, explicaba un dos membros do grupo.

O que está claro é que as covas de Vilamartín teñen algo para que, segundo estimacións da organización, cara ás dez e media da noite xa se tiñan máis de 3.000 entradas vendidas “e as que quedan”, aseguraban.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button