Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Noela Blanco (PSOE) asina a petición para que a Xunta non peche as camas no CHUO

Representantes da Xunta de Persoal do Complexo ourensán levan 48 horas pechados para pedir que non se rebaixe de 41 a 36 camas por ala no novo edificio de Hospitalización

Varios membros do persoal do CHUO levan pechados dentro do edificio do Complexo Hospitalario Universitario máis de 48 horas en protesta pola “redución de camas” no novo edificio de Hospitalización. Asemade, tamén están a recoller sinaturas para que se volvan abrir ditas prazas.

No día de hoxe, 19 de xaneiro, a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Noela Blanco, acudiu a este peche para falar co persoal e asinar a solicitude. Blanco estivo acompañada polo voceiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero.

A Presidenta da Xunta de Persoal a EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Asunción Maus, dixo que xa levan recollidas “máis de 4.000 sinaturas”. Maus recalcou que, polo momento, ninguén se puxo en contacto con eles, “a pesares de que a delegada territorial da Xunta en Ourense -Marisol Díaz- ofreceuse como intermediaria” para resolver este tema. Asunción Maus cualificou a situación de “insostible” tanto para os empregados como para os pacientes.

Segundo explicou, este peche de 41 a 36 camas por ala fará que se reduza o orzamento e “é certo que as camas están abertas porque estamos ao 100% e aos pacientes hai que atendelos”, dixo, pero a Xunta está orzamentando para 36 camas e “estamos gastando por riba das nosas posibilidades porque as camas seguen abertas pero non hai cartos”.

Neste senso, a deputada socialista Noela Blanco asegurou que Núñez Feijóo é o “campión da destrución da sanidade pública en Ourense”. A deputada asegurou que “non só é o caso do peche de camas”, lembrando o caso da Cirurxía Pediátrica e “unhas listas de agarda insoportables na Atención Primaria”. Pero Noela Blanco apuntou tamén cara ao Conselleiro de Sanidade e á Xestión do CHUO “que o que fan é perpetrar esa demolición que está a levar a cabo Feijóo dende a súa entrada na Xunta”. A deputada asegurou que vai preguntar ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, por esta redución das camas “cando prometeu un aumento”, dixo.

Noela Blanco tamén fixo unha chamada de atención á delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz: “que non estea de postureo en Fitur demostrando unha actitude indignante e que ela mesma asuma o papel de mediadora e veña a escoitar aos traballadores e defenda a Ourense, demostrando como dicía en campaña que é militante pola provincia e non polo PP”.

Na mesma liña falou José Ángel Vázquez Barquero, dicindo que “está moi ben que se fagan inversións” -polo novo edificio de Hospitalización- pero esas inversións “requiren medidas de financiamento que a Xunta non cumpre”.

Concentracións

Con respecto a este tema, Asunción Maus asegurou que van seguir pechados tanto no corredor de entrada como no local da Xunta de Persoal “a través dun grupo permanente da xunta”. E informou dunha nova concentración o vindeiro mércores, 24 de xaneiro ás 20:00 horas, na Praza Maior de Ourense canda á plataforma SOS Sanidade Pública. E, para o vindeiro 4 de febreiro haberá unha concentración a nivel autonómico en Santiago a partires das 12:00 horas na Alameda.

Fotos: Mónica G. Bellver e Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button