As traballadoras da empresar Ferrovial Servizos, concesionaria da limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), xunto cos representantes sindicais de Comisións Obreiras, CiG e UXT, veñen de acordar hoxe, 19 de xaneiro, en asemblea; a convocatoria e inicio de mobilizacións a partires do martes, 23 de xaneiro.
Entre as datas acordadas está as concentracións nas inmediacións do edificio do CHUO dos días 23, 24, 30 e 31 de xaneiro e unha folga indefinida a partires do 5 de febreiro.
Baixo a afirmación contundente de “somos persoas, non robocops”, os traballadores desta concesionaria reclaman que a empresa impón “unha sobre carga de traballo imposible de realizar”, asignándolles 22 habitacións máis ás zonas comúns e a sala de control e aos dous baños (homes e mulleres), aparte de recoller as bolsas de lixo e tamén a limpeza da sala de roupa sucia e limpa, así como a “salita” de enfermería, ademais de retirar todas as caixas de cartón que se xeran no Complexo.
Tamén aseguran que dispoñen de efectivos mínimos “irrisorios” nas fins de semana: “Só presta servizo unha traballadora por planta”. Asemade, reclaman unha “ampliación unilateral de ratios en metros e servizos a limpar coa mesma planta: “a ampliación nova do Complexo Hospitalario están a cubrir a limpeza cos mesmos traballadores que había até o de agora”. E, finalmente, aseguran que as baixas “non se están a cubrir”.
Dende a EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras aseguran que se puxeron en contacto coa empresa do servizo de limpeza, Ferrovial, para “esixirlle a pronta resolución do conflito” para que non afecte a asistencia.