Despois de varias xornadas de sequía, o Rúa-Valdeorras CF reencontrábase coa vitoria na tarde do domingo 18 de febreiro. E facíao por goleada, vencendo por un contundente 6-0 á UD Carral, no partido correspondente á xornada 14ª en segunda división feminina.
As locais adiantábanse no marcador cun temperán gol de Noelia no minuto 2, tendo que esperar ata o 30 para que Carol anotara o segundo. Antes de rematar a primeira parte, Olga Rafaela aínda tiña tempo de marcar o terceiro (38′), chegando ao descanso co marcador favorable de 3-0.
Tralo paso polo vestiario, a superioridade das ruesas quedaba patente sobre o céspede do Aguillón, con outros tres goles: Isa marcaba no minuto 64, Carlota no 85′ e Rafaela facía o 6-0 final no 88′.
Con este resultado, as valdeorresas sitúanse no sexto posto da clasificación con 22 puntos, a dous do quinto clasificado, o C.D. Unión. A UD Carral, pola súa banda mantense na zona baixa da clasificación.
Fotos: Mónica G. Bellver.