Dende meniños de meses ata veteranos que rozaban os 80. Na 36ª Milla Urbana do Barco tomaban parte nesta edición máis de 200 corredores de moi diferentes categorías, competindo no centro da vila ao longo de case dúas horas e media, nun circuíto ateigado dun público entregado.
Este evento, enmarcado nas Festas do Cristo, encetábase ás 18h. coas categorías Sub10 (cun percorrido de 268 m), nas que se impoñían Antía Rodríguez e Izan González (Adas Cupa); continuaba coas Sub12 (536 m), onde ganaban Paula Crespo e Roi Gallego (Adas Cupa); coas Sub14 (1.072 m) nas que os primeiros eran Brais Rodríguez e Sara Fernández (Adas); e coas Sub16 (1.072 m.), onde vencían Isamel Rodríguez (A Gándara) e Nicoll Sánchez (Adas).
A partir de aí xa comezaba a distancia da milla propiamente dita (1.609 m), con vitoria de Iker Fernández (A Gándara). Despois viñan a carreira dos Master (A e B) e populares masculinos, onde o primeiro atleta en cruzar a liña de meta era o popular Manolinho Besteiro (A Gándara), seguido do máster Gilberto Álvarez. Na segunda proba de másters (C, D, E masculinos, máster feminino e popular feminino), impoñíase a popular Raquel Fernández, sendo segundo na clasificación xeral Alberto Ojea (Club Ourense Atletismo).

O programa da Milla continuaba coa tradicional homenaxe a atletas valdeorreses con destacados resultados en competicións nacionais. Neste caso os homenaxeados eran Paula Cela, Pablo García, Andrés Álvarez, Carlos Revuelta, Mateo Valcarce, Xiana Pungín, Pacho García, Mónica Yáñez, Inés Gamarra, Javier Cid e Aarón Pérez.
Deseguido, os máis pequenos convertíanse en protagonistas da Milla coas carreiras de nenos e nenas de 6 e 7 anos, dos 4 e 5 anos e, finalmente, dos meniños de 3 anos ou menos. Nesta última, o Periódico O SIL, como vén facendo dende os seus inicios, entregaba trofeos ao primeiro cativo en chegar a meta, Pablo, e a primeira nena, Vega.

A proba culminaba o seu apartado competitivo arredor das oito coas carreiras absolutas, onde as vitorias correspondíanlle a Idaira Prieto na feminina e a Abderrahman El Kayami na masculina.
Ao termo da proba, tanto o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, como o coordinador da Milla, Agustín González, e o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, facían un balance moi favorable desta edición, cualificándoa de éxito.

“Esta Milla ten un peso histórico tremendo en Galicia e en España”, salientaba Sanmartín, “foi unha competición preciosa, cun ambiente tremendo e deleitámonos co esforzo dos corredores”.

Para Agustín González “Tinín” resaltaba que “penso que conseguimos un milagre coa participación de elite, porque está complicadísimo co orzamento que existe e volvimos ter unha Milla moi digna, con xente de moito nivel”. Ademais facía fincapé na participación dos atletas máis novos, “que para min son o espírito da Milla, e contento cos populares, máster e veteranos que sempre dan cor e participación”.

O concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, indicía quen “foi un éxito total, o plantel que vimos tanto a nivel absoluto, masculino e feminino foi impresionante, e os nenos e os máster e populares, tamén. A ver para o ano somos capaces de manter este nivel”.
Fotos: O SIL.


