SanidadeÚltima hora

A ablación de nódulos tiroideos xa é posible sen cirurxía coa radioloxía intervencionista na área ourensá

Trátase dunha nova técnica minimamente invasiva que dá unha solución "efectiva, segura e sen complicacións, a persoas nas que non está indicada a cirurxía", segundo Sanidade

Equipo médico de radioloxía intervencionista.

 

A Sección de Radioloxía Intervencionista de Ourense, Verín e Valdeorras continúa a ampliar a súa carteira de servizos coa incorporación dunha nova técnica: a ablación por radiofrecuencia de nódulos benignos na glándula tiroides, “un procedemento minimamente invasivo que da unha solución, efectiva, segura e sen complicacións, a persoas nas que non está indicada a cirurxía”, tal e como vén de informar a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

O procedemento consiste en “queimar” o nódulo ou quiste por vía percutánea, é dicir a través dun pequeno corte na pel, de uns milímetros, polo que se pasa unha sonda que dirixe ondas de radiofrecuencia ao punto exacto da glándula, aumentando a temperatura de 60 a 100 graos.

O procedemento realízase con anestesia local e sedación, na sala de radioloxía intervencionista, cun breve ingreso de tan só un día, aínda que tamén pode realizarse de xeito ambulatorio, cunha estanza de 6 a 8 horas, realizando vida normal despois do alta hospitalaria.

Con xa tres pacientes intervidos por esta vía, vense de elaborar un protocolo conxunto entre Radioloxía intervencionista, Endocrinoloxía, Cirurxía Xeral e Anestesia, que facilita a selección de pacientes candidatos a esta técnica, indicada para nódulos ou tumores benignos, non canceríxenos, de pequeno tamaño. Este tipo de nódulos só se extraen cando xeran síntomas que dificultan a vida diaria (como molestias ao tragar, tose, etc.) ou cando o paciente non pode someterse ao tratamento farmacolóxico habitual.

A Radiofrecuencia resulta unha alternativa terapeútica para pacientes previamente operados, nos que a cirurxía é máis complexa, ou cando esta supón un risco, polo que non está indicada, pero non se recomenda en grandes nódulos ou nos de tipo canceríxeno, por elo é preciso realizar un amplo estudo do tecido do tumor previamente (biopsia).

 

O doutor Pablo Gómez.

Ademais desta nova técnica, posta en marcha polo doutor Pablo Gómez, no último ano o Servizo de Radioloxía Intervencionista está a ampliar a súa carteira de servizos con procedementos alternativos a cirurxía aberta, o que abre alternativas a abordaxe de diferentes patoloxías.

Exemplo delo é a ablación por crioterapia, que permite “destruir” con gran precisión, coa aplicación de frío, tumores renais ou hepáticos localizados, sen requerir cirurxía e cun tempo de ingreso e recuperación mínimo.

Artigos relacionados

Back to top button