OurenseÚltima hora

A actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (Río), presentará a gala inaugural do OUFF

Este acto de apertura oficial do festival terá lugar na tarde do vindeiro 24 de setembro no Auditorio de Ourense

A actriz Lucía Álvarez, na gala inaugural do 25 OUFF./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A gala de apertura do 26 Ourense Film Festival (OUFF), que terá lugar o vindeiro venres 24 de setembro a partir das 20:30h., será presentada pola actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río). Na pasada edición do festival, Lucía Álvarez facía público o proxecto da súa primeira curtametraxe, “Amanezca”, con música orixinal da pianista Rosa Torres-Pardo, e tamén se ocupaba de presentar a clausura desta mostra.

Agora volverá a subirse a ese mesmo escenario na tardiña do día 24 nun acto oficial de apertura no Auditorio, con puntos fortes como as homenaxes a Berlanga e a Fernando Fernán Gómez polos centenarios dos seus nacementos, a actuación musical do dúo Cómplices e a estrea mundial de Malencolía, que presentarán aos espectadores alí presentes o director Alfonso Zarauza e todo o equipo da película rodada en Ourense.

O xurado do festival

A 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF) contará cun xurado internacional de primeiro nivel para a súa sección oficial. Cineastas, directores, guionistas e productores de diversas nacionalidades conforman un xurado internacional con profesionais de gran categoría e que estará dirixido polo cineasta mexicano Iván Trujillo. Os cinco membros do xurado (ademais, de Iván Trujillo, Paula Cons, Manane Rodríguez, Carlos Amaral e Patricia Roda) terán o difícil labor de decidir cales son as gañadoras de entre as 10 películas a competición deste ano.

Artigos relacionados

Back to top button