A actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), participará o vindeiro 15 de marzo nun taller online no marco do “Curso sobre identidades femininas”, que promove Teatro al Punto Producciones.
Lucía Álvarez vén de dirixir a curtametraxe “Amanezca”, que se estreaba na pasada edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), no outono. Trátase do seu primeiro traballo como directora e nel contaba cun equipo 100% feminino.
O filme conta a historia de Rita, unha actriz que se enfronta ao reto de interpretar a Laurencia, protagonista da célebre obra teatral Fuenteovejuna, escrita por Lope de Vega e publicada en 1619. E mentres prepara este difícil papel, de súpeto, vive unha situación similar á dese personaxe, case catro séculos despois.