EconomíaEconomíaÚltima hora

A AEVA celebrará eleccións en marzo de 2025 para renovar a súa xunta directiva

Así o sinalaba na asemblea ordinaria anual a súa presidenta, Araceli Fernández, quen adiantaba tamén que non optará á reelección

 

Ábrese o camiño para a renovación da xunta directiva da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA). Anunciábao a súa presidenta, Araceli Fernández, na asemblea xeral ordinaria que esta organización celebraba na tardiña do 18 de outubro na adega Roandi de Éntoma (O Barco). “Levo xa dúas lexislaturas na presidencia e penso que é momento de empezar a pensar na renovación. En marzo de 2025 haberá eleccións”, dicía Fernández del Palacio, quen confirmaba ademais a súa intención de non optar á reelección e animaba aos asociados a presentar candidaturas. Ademais valoraba de forma moi positiva a súa experiencia á fronte de AEVA. “Aportoume moitísimo estar na asociación, traballei con moita xente e coñecín a moitas persoas”, sinalaba.

Este era un dos asuntos abordados nunha asemblea na que se resultaban aprobados por unanimidade puntos como a acta da anterior asemblea, a ratificación das novas altas e das baixas, as contas do 2023 e o orzamento para o 2024 e a memoria de actividades do 2023. Neste punto, a presidenta de AEVA facía balance das xestións, actividades e campañas desenvolvidas no pasado ano, resaltando de xeito especial as demandas plantexadas ante as diferentes administracións en canto a infraestruturas, incidindo principalmente no arranxo da N-120 e no proxecto da autovía A-76. “Valdeorras ten moito potencial, pero fáltanlle investimentos, este segue sendo o problema. Tivemos diversas xuntanzas coas administracións nas que tentamos achegar estas necesidades”.

 

A presidenta de AEVA, Araceli Fernández del Palacio.

 

Fernández del Palacio destacaba o labor que desenvolve AEVA a través do seu servizo de emprego, “que en 2023 cumpriu 10 anos, e do que 283 empresas fixeron uso, realizándose un total de 99 procesos de selección, sendo un total de 22 postos cubertos. Así mesmo, desde o Servizo de orientación da asociación atendéronse un total de 651 persoas desempregadas, reforzando o seu compromiso co emprego en Valdeorras”. Deseguido mencionaba o programa AevaEmprégate, que se desenvolve en colaboración coa Deputación de Ourense e que vai pola súa quinta edición, con diversas liñas de acción.

 

 

Cafersa, Sarcal e Arnaveca, distinguidas por cumprir 20 anos como empresas asociadas a AEVA

Xa na parte final da asemblea, facíase un recoñecemento ás empresas asociadas que neste ano cumprían dúas décadas dentro de AEVA. “É un momento moi especial porque vinte anos significa un apoio á asociación e á comarca, e demostra a confianza ao traballo que desenvolve AEVA”, indicaba a súa presidenta momentos antes de entregar os recoñecementos.

Desta volta correspondíanlles ao Grupo Cafersa, cuxo represantante agradecía o recoñecemento en nome de todo o grupo; así como a Suministros Industriales Sarcal S.L. e a Arnaveca Comunicación SL (cuxo representante no puido asitir).

A asemblea completábase coa homenaxe a Luisa López Cruz, xerente durante case 35 anos de AEVA, e coa clausura a cargo do director de Turismo de Galicia, o rues Xosé Manuel Merelles Remy. Finalmente, ofrecíase unha petiscada acompañada de viños, aos asistentes.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button