ConcellosO BarcoÚltima hora

A apertura da estrada OU-121, que vai a Santiagoso (O Barco), por agora sen data

Así o aseguraba o alcalde do Barco en resposta a unha pregunta do BNG sobre esta cuestión no pleno deste 4 de abril

 

A situación da estrada OU-121, que vai a Santigoso, era outro dos asuntos sobre os que se falaba no pleno do Barco na tarde do 4 de abril. Manuel Agra, concelleiro do BNG, preguntaba sobre a información da que dispoñía o Concello sobre o corte desta vía por mor dun derrubamento. “Preguntamos isto porque dende o seu corte pasaron varios días sen que ninguén soubese nada, só que a estrada estaba cortada despois de Viloira e que había un desvío. Consideramos que é un deber estar ben informados”.

O alcalde do Barco, Alfredo García, respondía que esa estrada é titularidade da Xunta, “non é municipal e non temos ningunha responsabilidade nin capacidade para proceder a abrila. Ese é outro tema. O Concello si que ten coñecemento dos prexuízos que supón para os veciños que a utilizan”. O rexedor tamén daba conta da información que se lle trasladaba dende os técnicos da Xunta, “produciuse un desprendemento, fixeron un estudo, encargaron outro estudo máis rigoroso a unha empresa especializada exclusivamente en taludes e, ata onde eu sei, non teñan aínda unha proposta de solución. O problema é que se abren e cae unha pedra o responsable é o dono da estrada e non queren correr riscos”. E aseguraba que vai contactar novamente cos técnicos da Xunta para “ver cando podemos abrir, aínda que sexa de forma provisional, pero a seguridade é prioritaria”.

Pola súa banda, o concelleiro do PP, Antonio Melo, insistía na importancia de abrir o vial e en que o Concello presionase nese senso á Xunta.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button