A Asociación Provincial de Empresarios de Autoescuelas de Ourense vén de escoller Valdeorras para celebrar a súa tradicional festa anual neste venres 4 de outubro de 2024. Este evento reunía a empresarios do sector e desenvolveuse nun ambiente de confraternización e recoñecemento á traxectoria destes profesionais da formación viaria. O acto comezaba ás 12:00 horas, realizando unha visita á Adega Godeval, situada no Mosteiro de Xagoaza (O Barco), famosa pola súa impresionante adega subterránea “Cova dos Monxes”.

Ás 14:00 horas, os participantes eran recibidos no Hotel Pazo do Castro, onde gozaban dun aperitivo, seguido do xantar oficial, cun cento de comensais. O evento contaba coa presenza de autoridades autonómicas, locais e representantes do sector, que participaba activamente no desenvolvemento da xornada. Entre esas intervencións estaban as de Luis Novoa Fernández, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Autoescolas de Ourense; David Llorente Rey, xefe provincial de Tráfico en Ourense; María del Carmen González Quintela, deputada delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, e Alfredo L. García Rodríguez, alcalde do Barco.

Ao acto tamén acudían Eladio Santos Martínez, subdelegado do Goberno en Ourense; José Luis Ferro Iglesias, deputado no Parlamento de Galicia; Javier Barja Álvarez, capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense; Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense; Araceli Fernández del Palacio, presidenta da Asociación Empresarial de Valdeorras; Sonia Gómez Custa, representante da Asociación Nacional de Autoescolas de España; e Rubén Castro Arias, presidente da Asociación Asturiana de Autoescuelas.

Durante o xantar levábase a cabo un sorteo de agasallos, grazas á xenerosidade dos patrocinadores. Un dos momentos máis emotivos foi a sentida homenaxe aos compañeiros xubilados Rafael Álvarez de Autoescuela Saeta e Manuel Martínez Dorado de Autoescuela Bande, recoñecendo a súa dedicación, entrega e anos de servizo dedicados á formación viaria. Tamén se lle entregaba un agasallo á presidenta da CEO, ao xefe provincial de Tráfico en Ourense a ao deputado José Luis Ferro.
“Este evento foi unha excelente oportunidade para estreitar lazos e reflexionar sobre os retos e logros do sector das autoescolas, nun ambiente distendido e rodeado de historia”, destacan dende a asociación.
A festa anual desta entidade acostuma celebrarse en Ourense ou no entorno da cidade, se ben non é esta a primeira vez que se realiza en Valdeorras. A anterior ocasión foi na década dos 90. Con este xesto a entidade aposta por respaldar a esta comarca, que “é un centro desprazado na provincia, no que a Xefatura de Tráfico vén facer os exames cada 15 días, e queremos que o siga sendo”. Un desexo que a Asociación de Autoescuelas de Ourense expresaba no decurso desta festa, tendo en conta que a DXT proxecta informatizar os exames teóricos, o que implicaría no caso de Valdeorras que tería que facerse un investimento para poder informatizar as actuais aulas.
“Queríamos reivindicar O Barco como centro desprazado e de exames e tamén as autoescolas da zona e queríamos vir a esta localidade”, sinala o presidente da asociación, Luis Novoa, que tamén explica que a nova xunta directiva que vén de tomar as rendas da organización acordaba designar a un delegado no Barco. “E así contamos cun vicepresidente de Valdeorras, de Autoescuela MT Formación, que se encarga de atender as demandas da zona. A idea da nosa xunta directiva é que Valdeorras estea presente”.
Despois do xantar a festa continuaba con música ata ben entrada a tarde. Despois os asistentes regresaban a Ourense en autobús.
Fotos: O SIL.
