Tres meses de espera, adestramentos varias veces interrompidos e con fortes medidas de seguridade (os rapaces xogan con mascarilla e a zona para o público está marcada cun punto azul), por fin comezaba a liga para os equipo de base do CD Rúa. Facíano este sábado 10 de abril, nunha mañá chuviosa, sendo o equipo xuvenil o primeiro en xogar en casa, no campo rues Vicente Solarat Maceda.
Pasadas as 10:45h. comezaba o encontro entre os xuvenís do CD Rúa (adestrados por José Antonio e Sabela) e os do Ribadavia Atlético, sendo os visitantes os que se adiantaban no marcador na primeira parte. Tralo paso polo vestiario, nada máis comezar a segunda metade do partido, os rueses empataban, volvendo a adiantarse os ribadavienses no 75′. Tres minutos despois o Rúa volvía empatar, marcando o terceiro e gol do desempate rozando xa o final do tempo reglamentario. Ao final 3-2 e primeira vitoria para o conxunto valdeorrés que comeza da mellor forma posible esta peculiar e curta liga.
Nesta xornada de sábado tamén xogan en casa os prebenxamíns contra Ribadavia e os infantís contra C.F. Monforte. Fóra xogan os benxamíns contra a ED Terras de Maside e os cadetes contra Cented Academy. Nesta primeira xornada os alevíns descansan.
Fotos: Mónica G. Bellver