
Dende a casa, botando man da imaxinación, do papel e dos lápis de cores pódese celebrar o Día das Letras Galegas. Así o cren na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco que vén de convocar o concurso “Debuxando… As Letras”.
“Sabemos que as nenas e nenos están debuxando moito estes días e, neste mes das letras, queremos pedirlles que compartan con nós un debuxo sobre o Día das Letras Galegas e/ou sobre o homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero. A técnica é libre o único límite é a súa creatividade!”, din dende a biblioteca barquense.
Nese senso, animan aos rapaces a sumarse a este concurso, cuxa participación estará aberta ata o día 21 de maio. Tan só hai que enviar os traballos ao correo electrónico da biblioteca: bibliotecaflorencio@concellodobarco.org, incluíndo o nome, idade do autor/a e número de teléfono.
“Os debuxos que recibamos compartirémolos nas redes sociais da biblioteca e todos os participantes terán un agasallo”, din dende a organización.