Os concellos ourensáns de Trives e San Xoán de Río acollen a última das xornadas da Capitalidade da Montaña 2024 que organiza a Asociación Española de Municipios de Montaña co apoio da Deputación de Ourense. O VIII Congreso de EsMontañas terá lugar do 19 ao 21 de setembro baixo o título ‘Claves para manter vivos os pobos de montaña’ e volverá reunir a persoas coñecedoras da realidade e das necesidades dos pobos de montaña para debater acerca de temas tan cruciais para estes territorios como son lexislación, políticas contra o despoboamento, futuro e igualdade, servizos ou innovación, entre outras cuestións.
Na presentación desta iniciativa estiveron presentes o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; a alcaldesa e alcalde de Trives e San Xoán de Río, Patricia Domínguez e Xosé Miguel Pérez Blecua, anfitrións desta iniciativa; así como os alcaldes de Chandrexa de Queixa e Manzaneda, Francisco Rodríguez e Amable Fernández, que lembraron as actividades que a Capitalidade de Montaña 2024 dispuxo nos seus respectivos territorios, agradecendo a EsMontañas e a Deputación a súa implicación nestas iniciativas.
Rosendo Fernández lembrou que os catro municipios da provincia “foron a base de operacións da Capitalidade de Montaña de España durante todo o ano”, recalcando que “isto servirá para fortalecer as súas potencialidades e darlles a visibilidade precisa para a súa promoción turística”.
A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, desgranou o programa do VIII Congreso de EsMontañas, centrado en dous eixos: a lexislación e no desenvolvemento rural intelixente: “Ante os retos que temos por diante, estou segura que neste congreso tan importante extraeremos grandes conclusións para aplicar aos nosos territorios”, proclamou a rexedora trivesa.
No mesmo senso expresouse o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, quen sinalou que son moitos os concellos interesados en participar no congreso desta fin de semana, e confía “en que de aquí sairá un ‘Acordo Terras de Trives’ que servirá como base lexislativa para toda España”.
Programa
Este VIII Congreso de EsMontañas, que constitúe a terceira xornada dos actos da Capitalidade de Montaña de España 2024 e que se desenvolverá no auditorio de Trives, comezará o xoves 19 de setembro cun primeiro panel ás 12h no que Myriam Álvarez Páez, secretaria xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, Jaime Izquierdo Vallina, ex comisionado de Reto Demográfico de Asturias e José Manuel Hernando García, senador por Soria, dialogarán acerca de ‘Lexislación e territorio’ en clave rural e de zonas de montaña.
O programa do primeiro día concluirá falando de ‘Futuro e Igualdade de oportunidades no rural’ coa participación de Verónica Marcos Lanzo, presidenta de FADEMUR/FADEMUR Galicia; Nicole Grueira Fernández, deputada no Parlamento de Galicia; Carlota Díez Rico, coordinadora de proxectos do Consello COLEF e Susana Lanaspa Benítez, membro de Mozos Dinamizadores Rurais, moderado todo por Rodrigo Calvo Pinilla, alcalde de Orea (Guadalaxara).
O venres 20 de setembro celebraranse dúas mesas e un taller de territorio rural intelixente no que participarán alumnos do IES Xerman Ancochea Quevedo de Trives. A primeira das mesas poñerá o foco en ‘Servizos para vivir’, algúns tan esenciais, para permanecer nun pobo, como son a sanidade e a vivenda, en torno ao cal debaterán Sixto Marín Gavín, arquitecto e profesor de UNIZAR; Miguel Ángel Luengo Becerro, alcalde de La Alberca (Salamanca), e José Polo García; Presidente de SEMERGEN. A moderadora será Iolanda Ferran Closa, alcaldesa do Pont de Suert (Lleida).
Tamén se falará de ‘Políticas públicas europeas coa perspectiva de despoboamento’ nun panel que contará coa presenza de Francisco Velasco Caballero, catedrático de Dereito Administrativo na UAM; Luis Antonio Sáez Pérez, profesor de Política Económica de UNIZAR; Ronsel Gutiérrez Rodríguez, directora de gabinete do secretario xeral para Reto Demográfico e Adrián Vázquez Lázara, eurodeputado de Galicia. A moderadora será Mª Dolores Amo Párraga, alcaldesa de Montoro (Córdoba).
A innovación é unha cuestión clave para o desenvolvemento dos pobos de montaña e, acerca diso, Francés Boia Alòs, secretario xeral para o Reto Demográfico do MITECO e Mar Díaz-Varela Arrese, responsable de Relacións Institucionais e Comunicación de Hispasat, moderados polo xornalista e sociólogo, Manuel Campo Vidal.
Por último, o sábado 21, serán expertos no programa Leader como Javier Esparcia Pérez, doutor en Xeografía e Socioloxía da Universidade de Valencia; Mari Luz Hernández Navarro, profesora de Análise Xeográfica Rexional na Universidade de Zaragoza, e Belarmino Fernández Fervienza, alcalde de Somiedo (Asturias), presidente de READER e secretario de REDR, os que falen acerca do que supoñen as axudas do citado programa para os pequenos pobos de montaña. Tamén se presentarán proxectos que puideron facerse realidade grazas aos fondos Leader.
A continuación, as xornadas trasladaranse a San Xoán de Río onde os participantes poderán coñecer actuacións que se puideron levar a cabo no concello nos últimos tempos a través das axudas europeas, tras o cal procederase a clausura das xornadas e da Capitalidade 2024.
Cabe lembrar que é a primeira vez que o título de Capital Española das Montañas recae en Galicia, concretamente, en catro concellos de Ourense que están a compartir esta capitalidade: Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Trives e San Xoán de Río, convertidos, durante este ano en altofalante dos municipios de montaña de Galicia e mostrando o compromiso coa preservación ambiental, coa loita contra o despoboamento rural e o progreso social e económico.