No marco da celebración do Día Mundial contra a Violencia de Xénero o vindeiro 25 de novembro, o Concello Vello do Barco iluminarase de cor morado. Ademais, ao mesmo tempo, estrearase iluminación propia, tendo en conta que ata o de agora non se contaba de iluminación fixa, o que supuxo un investimento de case 8.000 euros.
“Ultimamente proliferan as peticións de diferentes colectivos e asociacións, solicitando a iluminación de edificios públicos, para a reivindicación de causas ou para chamar a atención respecto a eses colectivos. A consistorial non contaba con iluminación fixa, o que obrigaba a contratala cada vez que se procedía á súa iluminación. Por iso, e tras considerar a conveniencia de que ese edificio, que se considera emblemático por parte do goberno local, dispuxese de iluminación permanente, decidiuse a instalación dun sistema de iluminación das fachadas principal e lateral (a da rúa Marcelino Suárez)”, segundo informa o Concello do Barco.
Este sistema ten luces leds de baixo consumo e permite cambiar a cor co que se ilumina o edificio cada vez que se desexe. “Tras as probas realizadas hai uns días, utilizarase por primeira vez, en cor morada, o próximo 25 de novembro. Posteriormente, iluminarase con luces neutras de forma permanente”.