EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A cata oficial, limiar dos actos da Feira do Viño de Valdeorras

Esta dezasete edición, que se celebrará no Barco, inaugurarase o 12 de xullo coa presenza de Cristina Pato
Copas de godello, na pasada edición da mostra./ Fotos: Carlos G. Hervella
Copas de godello, na pasada edición da mostra./ Fotos: Carlos G. Hervella

Antes de ser degustados polo público, os caldos participantes na XVII Feira do Viño de Valdeorras someteranse á valoración dos expertos. Será na cata oficial coa que se abrirá o programa de actos do certame e que contará cun panel de dez catadores.

Trátase dun proceso que con dúas fases. A primeira delas será unha precata, que está programada para o xoves 10 de xullo ás 18:30h. na sala de catas do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en Vilamartín. Ao día seguinte, 11 de xullo ás 11h., os expertos volveranse a reunir para realizar a cata final, da que sairán os caldos ganadores desta XV Cata da Feira do Viño de Valdeorras.

Os actos continuarán na mañá do 12 de xullo coa emisión en directo dende o Teatro Lauro Olmo do programa de radio No es un día cualquiera de Pepa Fernández. Será entre as 8h. e as 13h. con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. A Feira do Viño propiamente dita abrirase ao público ás 12h., se ben o seu acto inaugural, coa presenza da gaiteira ourensá Cristina Pato, está previsto para as 12:30h.

No seu recinto feiral instalaranse os stands dunhas 22 adegas, que representan ao redor do 80% do produto elaborado en Valdeorras. Así estarán presentes A Coroa, Alán, O Cepado, Docampo-Gacio, O Casal, Adega da Pinguela, Quinta da Peza, A Tapada, Carballal, as cooperativas do Barco, A Rúa e Larouco, Eladio Santalla, Godeval, José Luis Aristegui, María Teresa Núñez, Roandi, Ruchel, Sampayolo, Santa Marta, Virxen de Galir e D’Berna.

As persoas que visiten o recinto poderán degustar máis de cen marcas diferentes de viño valdeorrés de calidade. “Seguramente é unha ocasión única para probar toda a variedade de viños que temos nesta comarca. Están os godellos e os mencías, pero cada vez se vai abrindo máis o abano e as adegas están apostando por novas incorporacións e elaborando outro tipo de viños”, salienta o presidente do consello regulador.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información nas páxinas especiais sobre a Feira do Viño de Valdeorras do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button