A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebroaba esta tarde a tradicional reunión de asemblea xeral ordinaria no salón de actos da sede de Afundación en Ourense, unha cita que congregou a un nutrido grupo de compromisarios e compromisarias que participaron nesta sesión anual na que a entidade rende contas da súa actividade.
Os participantes na reunión (representantes das distintas asociacións e empresas da CEO), aprobaron os puntos da orde do día relativos a contas e orzamentos da Confederación, ademais de ratificar o balance de asociados, así como o repaso dos asuntos da entidade relativos ao último ano, establecendo tamén as liñas de actuación e proxectos para o presente exercicio. Igualmente, os presentes ratificaron a modificación estatutaria de catro artigos proposta na pasada xunta directiva do 3 de xuño e que necesitaba da aprobación definitiva por parte da asemblea. Ademais aprobaban as contas do pasado ano, así como o orzamento para este 2024, que se ve incrementado nun 37% con respecto ao exercicio anterior.
Marisol Nóvoa, presidenta da CEO, facía un repaso das actividades do último ano no seu informe, así como da situación e o escenario económico que atravesa o tecido empresarial. A pesar das previsións favorables de crecemento neste 2024, do 2,5% para Galicia impulsada pola recuperación do consumo e os investimentos, e dunha proxección para Ourense en torno ao 2,3% polo aumento das actividades turística e industrial, Marisol Nóvoa incidiu en que “nos seguimos enfrontando a desafíos e seguimos tendo necesidades e reclamacións, algunhas de maneira reiterada: infraestruturas adecuadas, un marco regulatorio estable para planificar investimentos, eliminar trabas administrativas e aumentar melloras fiscais, sobre todo para competir coas condicións dos veciños lusos na franxa transfronteiriza; políticas favorables para a creación de novas empresas, atallar o desaxuste entre a oferta e a demanda de perfís laborais e a escaseza de man de obra ou combater o absentismo laboral e impulsar o diálogo social, tan deteriorado ultimamente”.
Marisol Nóvoa puxo o foco tamén en que “a recente lexislación laboral está a trasladar a demasiadas empresas, cargas e obrigacións impropias do seu tamaño ou estrutura, por non falar das dificultades que moitas Pemes soportan co excesivo aumento dos custos laborais, indicador que acumula 13 trimestres consecutivos de alzas. Todas estas trabas inflúen enormemente na tarefa do tecido produtivo, que leva demasiados anos sometido a escollos, dificultades e transicións de toda índole necesarias para manterse á boia na maioría dos casos’.
A presidenta da CEO lembrou tamén no seu informe que a recuperación económica postpandemia “foi firme”, pero que o colectivo empresarial ten que seguir afrontando retos significativos como a necesidade de modernización, a dixitalización ou a sustentabilidade, xa que, afirmou “a adopción de tecnoloxías avanzadas será clave para mellorar a eficiencia e a competitividade das nosas industrias e empresas e confío en que neses retos Ourense saberá atopar as oportunidades para seguir trazando un camiño de crecemento e modernización”.
Actividades e proxectos
En canto ao repaso de actividades e proxectos realizados ou en marcha, a presidenta da CEO destacou a boa marcha e resultados de iniciativas xa consolidadas como Conecta Ourense, ExportOU, EmpleaLab, Reactiva Ourense ou o Laboratorio de Iniciativas Sostibles, programas todos eles que contan coa colaboración de distintas administracións para o seu desenvolvemento, e que abarcan ámbitos desde a dixitalización, sustentabilidade e internacionalización do tecido empresarial, ata accións para favorecer a inserción laboral de colectivos desfavorecidos e de persoas desempregadas.
Igualmente, Marisol Nóvoa deu conta das reunións que a Comisión de Infraestruturas e PXOM da CEO está a levar a cabo coas distintas administracións para continuar coa reivindicación das actuacións pendentes na provincia ‘que non son poucas, recalcou, e que continúan, en moitos casos, aprazadas, incompletas ou simplemente sen contemplar’.
Tamén houbo espazo no informe da presidenta das actividades, foros e eventos empresariais nos que a CEO representa ao tecido empresarial e arroupa coa súa presenza as accións convocadas. Tal é o caso de presentacións, feiras e certames, entregas de premios e homenaxes, exposicións, asembleas, reunións empresariais convocadas pola CEG ou por CEOE, e unha infinidade de actos aos que a CEO acode como entidade representante do empresariado ourensán.
En canto ás accións propias de carácter divulgativo, a presidenta da entidade lembrou que a CEO organizou, no último ano, numerosas xornadas, presenciais e en liña, desenvoltas no marco de distintos proxectos e colaboracións e co fin de proporcionar ás empresas a información máis actualizada e necesaria para a súa xestión diaria. Nestas actividades abordáronse temas tan diversos como o teletraballo, a regulación da intelixencia artificial, a reforma laboral, a a lei de non discriminación nas relacións laborais, a canle de denuncia nas empresas, a intelixencia artificial e competitividade empresarial, a normativa da lei antifraude, o big data, a ciberseguridade para empresas, os rexistros e patentes, o absentismo laboral, a erradicación dos riscos psicosociais no traballo, as axudas á dixitalización 4.0, as tecnoloxías transformadoras actuais, xestión da innovación para pemes, e presentacións de axudas do Igape e Gain como Galicia Inviste, Galicia Exporta, destinadas a ASG, internacionalización, innovación ou transformación dixital.
Clausura de José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
O peche da asemblea estivo protagonizado por José Vázquez, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, quen interveu ante a presenza de autoridades como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, o comisario xefe da Policía Nacional en Ourense, Juan Castor, o director de Expourense, Rogelio Martínez ou o coordinador de Abanca Institucional, José Manuel Nogueira, entre outras.
A clausura
Marisol Nóvoa presentou ao invitado para clausurar a asemblea destacando a traxectoria de colaboración entre a CEO e a consellería, froito da cal a entidade empresarial desenvolve de forma permanente programas de formación ocupacional e continua, así como de orientación laboral, e leva a cabo cooperación noutros asuntos como a difícil cobertura de vacantes laborais en determinados sectores.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, pola súa banda, referiuse á Confederación Empresarial de Ourense como interlocutora fundamental do Goberno autonómico coa finalidade de apontoar a economía ourensá. Nesa liña, lembrou a colaboración coa entidade para incentivar o número de contratacións ou para levar a cabo formación orientada ao emprego.
José González enmarcou estas accións nas políticas da Xunta para dar cobertura ás preto de 15.000 vacantes laborais existentes en Galicia, apostando pola flexibilización da formación e por dar prioridade ás especialidades máis demandadas polas empresas. Nese sentido, referiuse ao papel fundamental dos emigrantes retornados para dar resposta a esas vacantes, a través do Programa Retorna Cualifica Emprego.
Sobre o labor no seo das oficinas de emprego, aseverou que en Ourense desenvolverase un dos proxectos piloto previstos no marco do uso da ferramenta da intelixencia artificial EMI para casar oferta e demanda en tempo real, co obxecto de determinar os perfís profesionais máis requiridos, cun seguimento e tutorización específicos.
Compromiso con Ourense
No marco do compromiso coa provincia e coa cidade de Ourense, o conselleiro tamén falou da situación da Praza de Abastos número 1, insistindo na colaboración máxima da Xunta para adecuar o reformado mercado ás súas necesidades operativas, garantindo o traslado dos praceiros dende o mercado provisional nas mellores condicións.
Así, apostou pola creación dunha comisión supramunicipal na que formen parte Xunta, Concello e praceiros, e que elabore un proxecto técnico -que o Goberno galego se compromete a financiar- para ver cos praceiros e praceiras as obras de adecuación que están demandando.
Fotos: O SIL.

