EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

A CIG asegura ser convocada para asinar o convenio da lousa sen coñecer o texto do mesmo

A Federación de Construción e Madeira da CIG de Ourense vén de emitir un comunicado de prensa, asinado polo seu secretario nacional, Plácido Valencia, no que amosa a súa postura tras recibir a convocatoria para a sinatura do convenio laboral da lousa, prevista para o vindeiro 17 de xuño.

Así esta organización sindical lembra que se levaron a cabo tres reunións da mesa negociadora do convenio da lousa, “nas que participaron a patronal, e pola parte social os sindicatos UGT, CCOO e CIG. Nestas reunións evidenciáronse as marcadas diferenzas que existen á hora de estabelecer uns mínimos dereitos para o persoal que traballa neste sector”.

Así mesmo a CIG concreta que na última xuntanza celebrada o día 27 de maio de 2021, “despois do debate interno da Mesa de Negociación, a postura da CIG, ficou moi lonxe de poder acadar ningún acordo, mentres que a central sindical de UGT afirmou que si podería chegar a aceptar un acordo”. Un acordo que, en palabras da CIG, “consiste en negociar unha mísera suba de salarios”.

Deste xeito, continúa a central sindical, “quedan fóra do acordo todas as necesidades que neste sector existen, e que para a CIG son imprescindíbeis. Estamos a falar de dereitos tan importantes como a cobertura completa nos casos de accidentes de traballo, a redución de xornada anual (que nestes momentos é a máxima legal permitida), a acumulación do permiso de lactancia, vacacións anuais en 21 días laborais, entre outros. Todas estas medidas están encamiñadas á mellora en prevención de riscos pois reducen a exposición do pó de sílice, moi presente nas canteiras e cunha afectación moi alta nas/os trababalladoras/es. Outra das peticións da CIG é a ampliación das pólizas de seguros por morte ou incapacidade permanente, accidente de traballo e enfermidade profesional, até a enfermidade común”.

Tamén sinala a CIG que neste 15 de xuño veñen de recibir “nova convocatoria para unha reunión o vindeiro día 17 de xuño para a sinatura do convenio, sen concretar cal será o texto do mesmo. Tras varios intentos de falar coa patroal a única resposta que obtivemos foi que permanecían á espera do que a UGT aceptase. Así as cousas, dende a CIG non entendemos como podemos ser chamados para asinar un convenio cando nen sequera coñecemos o contido do mesmo”.

Artigos relacionados

Back to top button