En portadaEntroido 2020Galerías de fotosÚltima hora

A “Comparsa” visita as localidades vianesas de Pixeiros, Solveira e Caldesiños

Esta singular representación musical e teatral recuperábase o pasado Entroido e nesta ocasión percorrerá cinco aldeas de Viana do Bolo

 

A galería de personaxes da Comparsa tradicional propia das aldeas do leste e surleste de Viana do Bolo cobraba vida novamente neste Entroido. O Director, os Músicos, os de esquilas, a Señorita e o Paiaso daban unha ronda por Pixeiros a partir das 11h. deste sábado 15 de febreiro.

Despois, ao chegar a un prado situado no centro da localidade, continuaba o ritual cos brindes seguidos de pezas musicais, dedicados, principalmente polo Director, aos asistentes de xeito individual e mencionando o seu nome nalgúns casos, e, noutros, de maneira xenérica. Os nomeados agradecían os versos cun donativo.

 

 

Non faltaba tampouco o solemne discurso á bandeira, tamén en verso, nin a disputa da Señorita cos de esquilas e o Paiaso, así como outras disputas en tono satírico nas que se repasaba a realidade galega e local, con referencias directas á estrada de San Agostiño e tamén á situación dos hospitais do Barco e de Verín. E, xa chegando ao momento álxido da representación, tiña lugar un rocambolesco parto, no que non faltaban alusións ao paridoiro de Verín.

Finalmente, dábase a despedida e, xusto nese intre, os membros da Comparsa, que ata ese momento ocultaban a súa identidade, quitaban as caretas entre os aplausos dos asistentes.

Tras esta primeira representación, a Comparsa dirixíase ás 13:30h. Solveira, e ás 17:30h. a Caldesiños. No seguinte sábado, esta ruta carnavalesca continuará por Penouta (11:30h.) e Punxeiro (17h.).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button