En portadaÚltima horaVídeos

A Cooperativa Xesús Nazareno do Barco remata a vendima cunha colleita de gran calidade

 

A Cooperativa Xesús Nazareno do Barco vén de pechar a campaña de vendima deste ano cun balance positivo. Tras 17 días intensos, na tarde de onte 20 de setembro entraban as últimas uvas nesta adega, a de maior volume da Denominación de Orixe Valdeorras.

 

 

“A calidade foi moi boa, a uva entrou moi sa, cuns rendementos case normais na situación de líquido da uva. En todas as variedades de uva, tanto brancas como tintas, a calidade foi excelente”, destaca o xerente da Cooperativa Xesús Nazareno, Alfredo Vázquez.

 

 

Malia que a produción da cooperativa rexistraba nesta campaña unha redución de quilos debido á meteoroloxía, dende a adega aseguran que foi unha campaña suficiente para abastecer a todos os seus clientes. O descenso veu ocasionado pola xeadas e tamén pola seca. Aínda están sen facer os números definitivos, pero polo que vimos cubrimos ben as necesidades que temos de cara ao próximo ano e podemos abastecer perfectamente aos nosos clientes sen problema de ningún tipo”, resalta Alfredo Vázquez.

 

 

Aproximadamente a metade da produción corresponde a variedades brancas, onde a uva raíña con diferenza en cantidade é a godello, e a metade restante a tintas coa mencía como referente. Dende a Adega Cooperativa Xesús Nazarenos, que comercializa os seus produtos coa marca Viños Barco, adiantan que a calidade desta colleita fai augurar moi bos viños e tamén anuncian que haberá algunhas novidades en canto a elaboracións no próximo ano.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button